O alumnado da UNED Sénior Xestoso coñece a Academia

A Real Academia Galega abriulle esta tarde as súas portas ao alumnado da UNED Sénior Xestoso. O presidente da institución, Xesús Alonso Montero, foi o encargado de recibir os visitantes no salón de actos, onde lles explicou a historia e o labor da RAG. Deseguido, o grupo, acompañado polo arqueólogo e profesor deste programa da UNED Felipe-Senén López, visitou as distintas dependencias da sede.

Alumnado da UNED Sénior Xestoso posa xunto ao presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, e Felipe-Senén López no salón de actos da institución


O presidente da Academia agradeceu de maneira especial a visita de "persoas que non perderon o lume da inquedanza intelectual", homes e mulleres que participan neste programa formativo da UNED para persoas maiores de 55 anos.

Na charla de benvida, Alonso Montero recuou ata os tempos de Xosé Fontenla Leal na Habana para explicarlles como se xestou o nacemento da Real Academia Galega, unha institución centenaria que tivo como primeiro presidente a Manuel Murguía, "un dos últimos polígrafos" de Galicia. Na actualidade, o estudo, a defensa e a promoción do idioma esta na cerna da súa actividade e o criterio establecido pola Academia, engadiu, é o que determina a actualización e o uso correcto da lingua galega.

Tras as palabras de Alonso Montero, o grupo percorreu as dependencias da institución e detívose con especial interese na biblioteca e nas pezas da Colección da RAG expostas.