O académico Manuel Rivas, premio Rosa dos Ventos 2014

O galardón, concedido anualmente polo alumnado do 5º curso de bacharelato do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires, recoñece así o labor do escritor coruñés en defensa da cultura e a lingua galega.
Manuel Rivas Barrós
Manuel Rivas Barrós


O xurado do premio salientou no seu ditame, ademais dos valores estritamente literarios da súa obra, o permanente compromiso cívico do autor de O lapis do carpinteiro ou Os libros arden mal: "As súas convicións inalterables, o espírito crítico e construtivo, a súa inxente creatividade e a súa perseveranza na defensa das liberdades individuais e da memoria histórica fan que nos sintamos orgullosos de homenaxealo con este humilde premio".

O escritor Manuel Rivas Barrós, nado na Coruña en 1958 e membro da Academia desde o 2009, é autor dunha extensa obra que abrangue, ao longo de máis de trinta títulos, todos os xéneros literarios –poesía, ficción e teatro- así como a escrita xornalística e o ensaio. A súa produción literaria, traducida a máis de vinte linguas, foi merecente de numerosos premios e galardóns entre os que destacamos o Premio Nacional de Narrativa de España do ano 1996 por Que me queres amor e o Premio da Crítica Española en tres ocasións.

En datas recentes, foi recoñecido tamén co Premio Celanova, Casa dos Poetas, como pode consultarse aquí.