Fragmento final dunha carta manuscrita que Curros Enríquez enviou a Manuel Murguía unha vez constituída a Asociación Iniciadora e Protectora da Academia na Habana.
A etimoloxía, evolución e usos da palabra antergo, incluída no Dicionario da Academia como variante de entrego, amosan a dificultade existente á hora de establecer uns criterios ríxidos para a aceptación ou rexeitamento dun termo. Deberíaselle dar cabida ás acepcións novas? Velaí elementos para o debate lexicográfico.
Como se formou a Real Academia Galega? Quen participaron na súa constitución? De onde tiraron os cartos precisos para o seu financiamento? A Biblioteca da Academia explica o papel principal que a comunidade de emigrantes galegos en Cuba xogou nesta cuestión e faino mediante o Reglamento de la Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega, que ingresou na Biblioteca o 3 de novembro de 1905 acompañado dunha carta remitida por Curros Enríquez a Manuel Murguía.
A mediados do século XIX, a industria do papel florecía na comarca de Noia. O Arquivo da Academia introdúcese na historia dunha delas, a do cartógrafo galego por excelencia, Domingo Fontán. A fábrica fundouse o 24 de setembro de 1810, no concello de Lousame, a carón doutras industrias papeleiras que crearon forte competencia.
A Fuliada foi un xornal coruñés de finais do século XIX que pretendía seguir o camiño de éxito iniciado por O Tío Marcos d´A Portela unha ducia de anos antes. A través desta contribución da Hemeroteca da Academia poderemos coñecer algo mellor a súa historia.
Por último, a Colección RAG achegános á figura do médico, político e intelectual galego Roberto Nóvoa Santos, do que a Academia atesoura un busto da súa figura atribuído ao escultor Francisco Asorey.