![](/documents/35271/79876/17.05.31_01_01.jpg)
Nenos e nenas do nivel inicial do Instituto Santiago Apóstol traballando nun animalario fantástico a partir da obra de Carlos Casares
Aproveitando a celebración da 43º edición da Feira Internacional do Libro de Buenos Aires, o alumnado do Instituto Santiago Apóstol contou neste mes de maio coas visitas de escritores de distintas xeracións, desde Luís González Tosar e Antón Riveiro Coello a Inma López Silva e Andrea Maceiras. Pero o centro educativo profunda nestas datas na figura homenaxeada pola Real Academia Galega. "Nas aulas os nenos e nenas, mozos e mozas, estanse achegando á figura de Carlos Casares e todos os traballos desenvolvidos culminarán o 12 de xullo cun grande acto no salón de actos Valle Inclán do Centro Galicia coa representación de Lela anda en bicicleta", conta o director xeral do centro, Carlos Brandeiro. Os estudantes de 1º grao afondaron nas páxinas de A galiña azul, os de 4º contaron na aula cun dos seus personaxes, a formiga esquiadora, e os de máis idade poden achegarse directamente ás súas obras nos "recreos literarios", engade.
![](/documents/35271/79876/17.05.31_01_02.jpg)
A escritora Andrea Maceiras dedicando un dos seus libros ao alumnado do Instituto Santiago Apóstol
Estas iniciativas teñen como protagonistas quen son o futuro da lingua e da cultura galegas na chamada quinta provincia, pero Buenos Aires e outras provincias arxentinas acolleron máis. Delas dannos conta Carlos Brandeiro e a profesora universitaria Débora Campos, ambos membros correspondentes da RAG residentes na capital porteña.
Celebracións en distintos puntos de Arxentina
O propio Día das Letras Galegas o Centro Galicia de Buenos Aires acolleu unha lectura colectiva aberta ao público de textos de Carlos Casares. Os participantes puideron compartir as súas experiencias como lectores das súas obras e ver unha exposición de libros do autor. Dous días despois, o Centro Galego de Buenos Aires escolleu o Teatro Castelao como escenario da velada cultural organizada para conmemorar esta data. O xornalista Ramón Suárez O Muxo foi o encargado de ofrecer un relatorio sobre Carlos Casares e o coro da institución, dirixido por Gabriel Lage, púxolle o ramo musical á noite. Días antes, o presidente do Pen Club Galicia, Luís González Tosar, ofreceu o seu retrato de Casares nunha conferencia pronunciada na Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina.
![](/documents/35271/79876/17.05.31_01_03.jpg)
Lectura colectiva de textos de Carlos Casares no Centro Galicia de Buenos Aires
Fóra da capital pero aínda na provincia de Buenos Aires, a narrativa infantil centrou a homenaxe do Centro Galego de Azul, que organizou o pasado 20 de maio un encontro no Hogar Sagrado Corazón no que os nenos puideron escoitar contos de Casares. Ese mesmo día, o Centro Galego de Mar del Plata celebrou a Romaría Día das Letras Galegas, con actuacións musicais e unha disertación sobre o escritor, mentres que o Centro Galego de La Plata elixiu a fin de semana anterior para a súa celebración.
Carlos Casares tamén foi homenaxeado este mes noutras provincias arxentinas. No Centro Galego de Santa Fe (Santa Fe), a súa narrativa e a poesía de Paulina Riera, santafesina de orixe balear, déronse a man nunha noite de camaradería entre socios e colaboradores. No Centro Galego de Rosario (Santa Fe) a profesora galega Almudena García Castrillo achegou o público á vida e á obra do autor cunha conferencia multimedia que se completou coas actuacións do grupo Cantareiras Alumea, a banda de música tradicional Leira do Son e o corpo de baile tradicional do centro.
De Montevideo á Habana
A Casa de Galicia de Montevideo acolleu o 17 de maio a festa do Día das Letras Galegas organizada por esta entidade e o Centro Social e Cultural Bergantiños. Ismael Martínez foi neste caso quen impartiu unha charla sobre Carlos Casares antes de dar paso á música e o baile tradicionais.
As Letras Galegas contaron igualmente con festa propia no Caribe. A Federación de Sociedades Galegas de Cuba xuntou as máis de corenta entidades galegas da Habana o pasado 20 de maio. O presidente da Asociación Progreso de Coles, Blas Nobel Fraile Romero, ofreceu a síntese biográfica de Casares que abriu o acto, no que tamén se recordou a Xosé Neira Vilas e tampouco faltou a música.
En Brasil desenvolvéronse iniciativas como a da Universidade de São Paulo, onde o Centro de Estudos Galegos convidou o 17 de maio ao profesor Gabriel Torres Madureira a impartir unha conferencia sobre o autor homenaxeado.
En Norteamérica, a Casa de Galicia de Nova York recordou o escritor nunha festa celebrada o pasado domingo, 21 de maio. Nesta ocasión foi o profesor do Brooklyn College - City University of New York Alejandro Alonso quen pronunciou un relatorio sobre Carlos Casares. A música puxérona o coro de Casa de Galicia e a banda de gaitas Terra A Nosa.