'Na festa de Nadal', de Xosé Núñez Búa

Membro do Partido Galeguista e do Seminario de Estudos Galegos desde a súa fundación, o escritor pontevedrés Xosé Núñez Búa (1897-1980) mantivo no exilio arxentino unha activa militancia galeguista.
Xosé Núñez Búa
Xosé Núñez Búa


Establecido en La Plata desde 1936, Xosé Núñez Búa promove a creación do Consello de Galiza, funda o Instituto Argentino de Cultura Gallega e, alén dunha morea de escritos de temática galega, é autor da biografía Vida e paixón de Castelao.

O poema inédito que reproducimos máis abaixo está tirado dunha carta enviada no Nadal de 1960 por Núñez Búa a Francisco Cerviño Xesteira (1900-1963), pai do membro correspondente Francisco Cerviño González, quen vén de facerlle doazón da mesma á Academia en datas recentes.

NA FESTA DE NADAL
N-istes días de festa
do Nadal i-Aninovo
deixá quedos no Ceo
Á Virxe co seu Neno,
e no pesebre ó burro
i-ó crego no seu tempro,
Para loubar a Cristo
n(c)on verbas diminutas
en remedos mentidos
das cantigas do pobo.

As terras da Betania
podrecidas de fame
xa voltaron á vida.
Agora alí os kibbutzes (I)
emproan ó futuro
i-a brasa do deserto
alumea en pantrigo.
Que as grorias do pasado
son soio letra morta,
son follas de loureiro
que no chan se fan nada,
se non hai unhas mans
que as soterren e seipan
misturarlle con xeito
grans de semente nova.

A Terra soio é terra
-silicato, aluminio,
feldespato i-arxila-
se ca man na rabela
non lle rachan o seo,
se non é fecundada,
se non preña e non pare.
Dende que naz o millo
e medra e ven a farna
e callan as espigas
e lle madura o gran
e se fai a seitura…
deica estar no canastro,
o suor do labrego
caieu no sulco arreo.
Espranzas, desacougos…
¡Hai moito para cantar!

Si se fala de Cristo
non decir verbas brandas
que agachan disimulos.
Empregai as ben duras
que, tremendas i-acesas,
il tivo nos seus beizos
pr'ós fariseos farsantes
pr'ós escribas tramposos
pr'ós ricos avarentos
que, miserabres, coidan
que ca esmola do sábado
ou pagando novenas,
ou pasando as cincoenta
adoas do rosario
mercan praza no Ceo.

É festa do Nadal.
Pois que nazan de novo,
con novas arelanzas,
os nosos sonos vellos
cada día máis mozos:
liberdade pr'á Terra
e que cada galego
teña pan para o corpo,
e teña luz no esprito.

Abre enriba da Terra
as túas azas, Poeta
Ponte a cantar ben outo
cara mañáns soñados.
E lembra ó vello Withman:
O porvir non nos chega,
hai qu'ir a percuralo.
E cantando ó futuro
da Terra pr'ó Traballo,
do Traballo pr'á Terra,
mata medo, Poeta.
E se non eres quen
para poder facelo,
deixa muda a túa lira.
Non queiras convertela
en estupefaciente
dos teus irmáns galegos.

J NÚÑEZ BUA
La Plata (R. Arxentina) 25 de Nadal de 1960.
(I) Granxas coleitivas en Israel. Hai uns 250 con cáseque 100.000 membros.