Mónica Camaño sobre Roberto Vidal Bolaño

A actriz Mónica Camaño (Cangas do Morrazo, 1971) comezou moi cedo no mundo da interpretación e tivo a fortuna de traballar a carón da figura protagonista do Día das Letras 2013, Roberto Vidal Bolaño.
A actriz Mónica Camaño
A actriz Mónica Camaño coas illas Cíes ao fondo

Ao seu parecer, que características definen a obra de Vidal Bolaño?
De magnitude era o proxecto de dotar a Galicia dun teatro propio, dun teatro nacional galego, que había de ser no artístico expresión do seu ser, e no social un argumento máis na defensa da nosa identidade e dos nosos dereitos nacionais, nas palabras de Roberto.

Consciente da función do teatro respecto á sociedade, a súa obra está marcada por esta responsabilidade, e polo compromiso coa lingua e co seu tempo. No seu teatro, seguindo o rastro da cultura popular de tradición oral e da parateatralidade das manifestación festivas ou do antroido, ao que suma a tradición literaria galega e un moito das correntes teatrais europeas, debúxase un pórtico de personaxes que camiñan entre a soidade, a derrota ou a revolta, no conflicto sempre trala utopía, pola liberdade, contra a inxustiza, ou contra o abafo do silencio e da uniformización da modernidade marcada polos mercados, nun camiño sen retorno. No teatro de Vidal Bolaño atopamos un percurso rico e complexo, unha ollada lúcida que rompe o escepticismo fatalista cunha máscara cínica que todo quebra co máis fino humor. Unha ollada tan enraizada no aquí, no noso, que fai que poida agromar en calquera teatro do mundo.

Que importancia tivo a súa figura –como autor, director e actor- na constitución do teatro galego moderno?
A idea da construcción dun teatro nacional galego inunda a súa creación e o seu traballo, non só como autor, tamén como actor e director, e iluminador, escenógrafo, productor... É o primeiro en tirarse ao vacío nos 80 con Teatro Antroido, ao se "afiliar" a unha profesión na que todo estaba por facer, reivindicando a profesionalización dos traballadores do teatro como camiño para conseguir a excelencia no noso traballo: dignidade laboral cara garantir un servizo á colectividade. O abrente do noso teatro.

É difícil separar o seu traballo por campos, porque nese labor inxente de consolidar e profesionalizar o teatro, había que facer de todo e soubo facer de todo co acerto dun mestre; un home de teatro total.

Como autor, Roberto é esa "permanencia que nos leva coma un río no tempo" até a victoria recollendo os versos de Avilés de Taramancos, alicerce fundamental para apuntalar o sistema teatral galego, que no ano en que ten o privilexio de contar co primeiro dramaturgo homenaxeado nas Letras Galegas, sofre o máis grave dos ataques: o desleixo, cómplice no desmantelamento cultural. Ironía dos tempos... deses perdedores que nutren a obra de Bolaño.

Na dirección de escena, alén dos espectáculos da súa autoría, compre salientar as creacións espectaculares arredor de autores galegos como Otero Pedrayo, Blanco Amor, Cortezón, Cunqueiro ou Ferrín, ás que sumou achegas da literatura universal como Brecht ou Fassbinder. Como actriz puiden vivir dentro de máis de un espectáculo dirixido por Roberto, e agora dez anos despois, ese VIVIR estame chantado como unha das máis vigorosas experiencias como traballadora da cultura que ha resistir na saudade do MESTRE. Iso foi Roberto, iso é para nós teatreiros e para a cidadanía que recoñece nel "a voz dos sen voz": un mestre.

E como actor, o público que todos conformamos, garda a memoria dun "xigante inmenso" en escena: a súa figura, o seu ollar, a súa voz, o seu aquel, o seu aquí... "caprice de dieux" sen ir máis lonxe, para sempre.

Que vixencia conserva a súa obra no contexto actual?
Os conflictos que agroman da obra de Roberto, que rebordan da análise do seu vivir ao pé da rúa, da súa forma de estar no mundo en rebelión constante, manteñen unha vixencia intacta no contexto actual. Porque perviven as fendas que instalan o esquecemento por riba da memoria roubada, cando non reinventada a prol dos gañadores, porque persiste a loita de clases e a non loita dos desclasados, porque resisten os totalitarismos macroeconómicos e ideolóxicos, porque seguen a non se deixar domear homes e mulleres que no camiño da derrota levan canda si a dignidade, porque como el mesmo escribía no texto que presentaba Mar revolto, "...sei que a estupidez cotiza á alza no mercado cultural do presente".