Meaño e O Barco de Valdeorras, próximas paradas de 'Toponimízate'

Meaño e o Barco de Valdeorras son os concellos protagonistas das vindeiras paradas da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra. O concello pontevedrés acollerá o venres 19 de novembro, a partir das 11:00 horas, unha charla telemática aberta a todo o público que será ademais proxectada no EIS de Meaño, no CEIP Coirón-Dena, no CEIP As Covas e na Casa da Cultura de Dena. O luns 22 de novembro, ás 15:40 horas, o programa continuará no Barco de Valdeorras coa mesma fórmula, desta volta con proxeccións no IES Lauro Olmo, no IES Martaguisela, na Casa da Cultura e na Aula CEMIT do Barco de Valdeorras. As dúas sesións poderán seguirse dende a canle de Youtube da Real Academia Galega.

O coordinador técnico de toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, Vicente Feijoo, explicaralle ao público a orixe e o significado dunha escolma de nomes de lugares de cada concello, unha información que conta coa colaboración do académico electo e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza. Tamén haberá tempo para coñecer o funcionamento da aplicación colaborativa Galicia Nomeada, que permite que os veciños e veciñas de cada localidade suban á Rede os microtopónimos da súa zona, nomes de eiras, veigas, devesas ou fontes, un patrimonio inmaterial único que corre o risco de se perder e que cómpre salvagardar. Os usuarios e usuarias tamén poden enviar suxestións de correccións sobre os nomes rexistrados xa na plataforma.

Toponimízate é unha campaña organizada pola Real Academia Galega coa colaboración da Xunta de Galicia.

Emisión en directo da charla de Meaño

Emisión en directo da charla do Barco de Valdeorras