A cerimonia, de entrada libre ata completar capacidade, desenvolverarse na sede da propia institución (rúa Tabernas, 11 – A Coruña) a partir das 12 horas.
Marina Mayoral estudou os primeiros cursos de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela e licenciouse en Filoloxía Románica na Universidade Complutense de Madrid. Tras exercer uns meses como catedrática de ensino secundario, iniciou a súa carreira como docente universitaria e doutorouse en 1971, con premio extraordinario, cunha tese sobre a poesía de Rosalía de Castro. A este traballo, publicado pola editorial Gredos en 1974 con prólogo de Rafael Lapesa, seguíronlle outros estudos e edicións de diferentes títulos rosalianos como En las orillas del Sar (Castalia, 1978), Follas Novas (Xerais, 1990), Obras Completas (Editorial Turner, 1993). Con eles levou o nome de Rosalía de Castro e de Galicia a tribunas académicas internacionais onde foi conferenciante e profesora convidada, como as universidades de Harvard, Brown, California, Pennsylvania, Xenebra ou La Sapienza de Roma. O universo literario de Emilia Pardo Bazán -cuxa casa na rúa Tabernas da Coruña acubilla hoxe a sede da RAG- débelle tamén edicións e investigacións que a converten igualmente nunha das autoridades de referencia sobre a autora coruñesa.
Como escritora, Marina Mayoral é autora dunha rica e ampla obra narrativa en galego e castelán (dezasete novelas, cinco libros de relatos e 26 relatos incluídos en antoloxías estatais e estranxeiras) distinguida con sete galardóns. Parte dos seus títulos, ademais de moi reeditados, foron traducidos a varios idiomas. É o caso de Unha árbore, un adeus (Galaxia, 1988), Chamábase Luís (Xerais, 1989) e Querida amiga (Galaxia, 1995), coas que gañou o Premio Losada Diéguez de 1989 e 1996, Tristes armas (Xerais, 1994) ou Quen matou a Inmaculada Silva? (Xerais, 2009). Con anterioridade, mereceu o Premio de Ámbito Literario de 1979 por Cándida, otra vez, o Premio Novelas y Cuentos de 1980 por Al otro lado, o Premio Gabriel Sijé de 1981 por Plantar un árbol, o Premio Hucha de Oro de 1982 por Ensayo de comedia ou o Premio San Clemente de 2012 por Deseos.
A súa produción literaria chamou ademais a atención da crítica e da investigación, desde as que se lle dedicou máis dunha vintena de artigos e capítulos de libro, e mereceu a súa inclusión en varias obras en linguas inglesa sobre escritoras de España e Europa.
O articulismo é outra das facetas habituais de Marina Mayoral, autora de máis dun milleiro de columnas e recoñecida co Premio Fernández Latorre no ano 1992. O seu labor a prol dos valores culturais foi recoñecido tamén coa concesión da Medalla Castelao en 1998.