O título da última novela de Manuel Rivas alude ao lugar onde transcorre a acción, “que se resiste á identificación referencial e, ao tempo, epítome de moitas das Galicias reais e posibles”. “As clásicas preocupacións do autor -a violencia e o poder como vectores estruturantes das relacións interpersoais, a destrución do hábitat- reaparecen nun relato de elevada intensidade emocional compensada con ben dosificadas doses de ironía e enxeño”, engade o xurado.
Na véspera da resolución dos Premios da Crítica, organizados dende 1956 pola Asociación Española de Críticos Literarios, Manuel Rivas recolleu o Premio Cedro 2025, nunha cerimonia celebrada no Ateneo de Madrid. O académico advertiu no seu discurso que “sen ética nin regulación, a intelixencia artificial pode ser un espolio cultural”.