O escritor máis traducido da literatura galega actual, gañador do primeiro Premio Nacional das Letras Españolas para o galego, rememorou lembranzas infantís arredor da lingua —nun tempo en que falar galego na escola significaba “falar mal”—, e afondou na dimensión ecolóxica das palabras. “Para min as palabras forman parte da vida, da natureza, teñen unha vida paralela. Cando falamos de intoxicación, de polución de corrosión de subtracción, todo isto ocorre coa linguaxe. Como dicía Kapuściński, cando cambia o vocabulario é que vai producirse unha guerra. Nas linguas temos, igual ca na natureza, seres detectores de auga”, comparou.
A conexión entre a escritura e a realidade foi outro dos temas que xurdiron na conversa. Para Rivas, “a literatura está cosida ao seu tempo” e resulta “cada vez máis necesaria” polo seu “carácter non subalterno”. “Non é nin sermón, nin discurso, nin tese. É outra cousa, é unha boca emancipada que non pode ter dono de ningún tipo. Por iso creo que é tan importante, en Galicia e no resto do mundo, achegarse á diversidade, aos pobos e achegarse á propia terra por medio da literatura”, defendeu.
Literatura, “boa ou mala”, tamén é para Manuel Rivas o xornalismo, oficio no que conta cunha dilatada e frutífera traxectoria recollida en parte en volumes como Unha espía no reino de Galicia ou A corpo aberto. “Para min o xornalismo significou e significa moito. É unha toma de terra coa realidade. As experiencias que tiven como xornalista, algunhas mesmo de dificultades e de violencia, foron fontes inspiradoras para a literatura, e [acontece] o mesmo no sentido contrario”, asegurou. “Cando estás a escribir unha crónica, unha reportaxe, tes que intentar escribila coa mesma vontade de estilo con que escribes un relato, e escribir un titular como se fose un verso”, engadiu sobre o feito da escritura xornalística.
O autor afondou ademais na relación entre os seus títulos a través doutra metáfora tomada da natureza. “Como na anatomía da árbore, o que escribín e o que estou a escribir son aneis dun mesmo libro. Véxoo así. Eu non escribiría posiblemente O lapis do carpinteiro sen ter escrito antes o relato “A lingua das bolboretas”. E non escribiría “A lingua das bolboretas” sen o poema “Pan negro”, esa primeira célula nai que escribín nos 80 e que lles dediquei aos meus avós. É un poema no que falo do medo, dunha memoria que non é a miña, no que estou a debullar na Europa dos 40”, concluíu.
Os XXXVI Cursos de lingua e cultura galegas Galego sen fronteiras, organizados pola Real Academia Galega en colaboración co Instituto da Lingua Galega da USC, concluirán este venres, 24 de xullo, cun acto na Facultade de Filosofía no marco do cal se celebrará a entrega de diplomas ao alumnado.


