A coordinadora do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega e profesora da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, María López-Sández, e o tamén investigador da USC Alejandro Doval Casas asinan o artigo que pecha o número 42 da revista que dirixe o académico Manuel González, xa dispoñible na sección de publicacións co apoio económico da Xunta de Galicia e do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Abre estas páxinas unha síntese do Informe sobre a situación da lingua galega segundo os datos do Instituto Galego de Estatística de 2023 do presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, quen non seu día elaborou, coa colaboración de Xaquín Loredo e Gabino Vázquez-Grandío, técnicos do Seminario, esta análise presentada pola RAG en decembro de 2024.
A revista inclúe tamén, entre outros contidos, unha valoración, a cargo de Gabino S. Vázquez-Grandío e a técnica municipal de normalización lingüística do Concello de Ames, Rosa Moreiras Cuñarro, do programa de compromiso lingüístico desenvolvido no marco do proxecto Modo galego, actívao! A experiencia de dinamización lingüística é unha iniciativa da Real Academia Galega e o Concello de Ames, en colaboración cos distintos axentes da comunidade educativa local, en marcha desde o curso 2022-2023.
A primeira aproximación ao léxico da personalidade en lingua galega é outra das contribucións recollidas no último número de Cadernos de Lingua, unha proposta de Elena Rey García, Estrella Romero, Paula Ganitsky e Isabel Fraga, do Instituto de Psicoloxía da USC. Os resultados poden ser de utilidade na elaboración de instrumentos para a investigación no ámbito da psicoloxía adaptados á realidade lingüística galega, para a que existen poucas ferramentas, advirten as autoras.
Lingua e xénero
O artigo de María López-Sández e Alejandro Doval analiza a influencia da variable xénero nas prácticas lingüísticas do profesorado galego a partir do contraste dos datos contidos e analizados nunha primeira achega do Seminario de Sociolingüística, Lingua e xénero en Galicia: estado da cuestión (2022) e dunha investigación empírica baseada en 241 enquisas entre docentes de matemáticas de ensino secundario. Os resultados ratifican a fenda observada na devandita monografía, cunha maior tendencia ao uso monolingüe do galego fóra do centro educativo en homes (39,2 % fronte a 34,8 % de mulleres, +/- 4,4 %), e inversamente unha maior porcentaxe de mulleres monolingües en castelán (20,5 % fronte a 17,6 % de homes, +/- 2,9 %).
Os autores ilustran a diferenza entre estes datos de uso lingüístico persoal e os da práctica docente, onde se dá un “notable incremento” do castelán, sen dúbida por mor da regulamentación do Decreto 79/2010 que fixa que as matemáticas deben ensinarse na ESO nese idioma. “Entre as mulleres, as que din impartir a materia exclusivamente en castelán practicamente duplican as monolingües en castelán na súa vida diaria, pasando do 20,5% ao 39,1%. O efecto é aínda máis marcado nos homes, que pasan dun 17,6% a un 44,6%. Isto cuestiona a presunción dunha maior resistencia ás normas por parte dos homes”, debullan.
Con todo, cómpre considerar o elevado número de mulleres (21,1%) que optan pola resposta non categórica máis castelán ca galego, “que pode responder á mesma intención de enmarcarse dentro do establecido no marco legal desde posicionamentos menos categóricos ou marcados pola diplomacia ou converxencia lingüística”, propoñen. Os datos contrastan en calquera caso coa resposta á pregunta aos docentes de cal sería a lingua na que impartirían as súas clases se a escolla fose exclusivamente persoal, allea a condicionantes externos: a maioría absoluta, máis do 70, elixe o galego, sen que se observen diferenzas significativas entre xéneros.
López-Sández e Doval sosteñen que análises conxuntas da lingua e o xénero coma esta, en diálogo coa interseccionalidade, permiten comprender que as prácticas docentes non responden a eleccións illadas, senón a posicións sociais cruzadas por factores de poder, identidade e regulación institucional, e confirman a necesidade de repensar o marco normativo para o galego no ensino. “O caso do profesorado de matemáticas amosa que as dinámicas lingüísticas se producen precisamente nesas interseccións, onde o normativo e o afectivo se negocian de maneira constante. (...) No actual contexto sociolingüístico de Galicia non debería desaproveitarse o potencial dun corpo de profesionais competentes e dispostos a utilizar a lingua propia no ensino dunha materia de alto prestixio social como son as matemáticas. Consideramos, de feito, que esta é probablemente a conclusión principal do estudo, que transcende a análise estrita do parámetro de xénero”, conclúen.


