O xurado do concurso concederá nove premios aos mellores textos de ata 200 palabras, tres por cada unha das modalidades. A de adultos é a que suma máis textos presentados, un total de 413. A dirixida a mozos e mozas de entre 12 e 17 anos chegou aos 232, e na infantil avaliaranse 120.
A Real Academia Galega e a Asociación PuntoGal convocan desde 2018 este certame co obxectivo de reforzar a presenza da lingua e da identidade propias no mundo dixital. Os textos premiados na primeira edición poden lerse nesta ligazón e os da segunda, nestoutra.