Fonte: Concello de Viveiro
"Convivín co pobo, coa xente de aquí, asimilei o que era Viveiro, o que eran as súas xentes, a paisaxe", recordou a autora. A alcaldesa, María Loureiro, agradeceulle en nome do concello que sempre tivese "boas palabras" para a localidade e a súa disposición para colaborar "en todo o que se lle pediu, gardando un especial vínculo con Viveiro que se pode percibir ao longo da súa obra".
A celebración contou coa participación do presidente da Real Academia Galega. Víctor F. Freixanes expresou: "Queremos e admiramos a Luz, por iso estamos aquí. Na RAG ten unha significación especial para todos nós, tanto polos méritos da súa obra, que homenaxeamos co gallo do seu 95 aniversario, como pola súa personalidade, agarimo e xenerosidade, que como o seu nome indica non podemos cualificar máis que de luminosa".
No acto tamén tomaron a palabra a presidenta do Consello da Cultura Galega, a académica Rosario Álvarez Blanco; o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos; o cronista oficial de Viveiro, Carlos Nuevo Cal, encargado de realizar un percorrido pola biografía de Luz Pozo Garza; a concelleira de Cultura, Lara Fernández, que recitou versos da homenaxeada, e o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro.