O presidente da RAG e autor da biografía Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega, Xesús Alonso Montero, actuará como moderador do acto dedicado ao intelectual, que se converteu en membro de número da RAG en 1967 nunha cerimonia de ingreso na que leu o discurso A lingoaxe i as língoas. Organizada coa colaboración do Concello de Lugo, a mesa redonda desenvolverase a partir das 19.30 horas no salón de plenos municipal.
O profesor Dasilva, que publicou, entre outros traballos sobre o homenaxeado, Ramón Piñeiro e a prohibición de traducir ao galego e Proceso e encarceramento de Ramón Piñeiro. 1946-1949, participará cunha intervención titulada Achegas documentais para a biografía de Ramón Piñeiro. Torres Queiruga abordará o "compromiso integral e integrador" do intelectual e Monteagudo, as súas contribucións no campo da lingua, unha preocupación constante de Piñeiro, que tivo un papel protagonista na Lei de Normalización Lingüística de 1983.
A mesa redonda forma parte das Xornadas na honra de Xosé Mª Álvarez Blázquez, Xaime Isla Couto e o propio Ramón Piñeiro que a RAG celebra este mes no centenario do nacemento destas tres importantes figuras da cultura galega do século XX.