José Luís Moure, presidente da Academia Argentina de Letras, visita a Academia

O doutor José Luís Moure realizou unha visita institucional á Real Academia Galega, onde foi recibido polo Presidente da Institución e os membros da Comisión Executiva, Henrique Monteagudo e Rosario Álvarez.
Xesús Alonso Montero, Rosario Álvarez, José Luís Moure e Henrique Monteagudo
Xesús Alonso Montero, Rosario Álvarez, José Luís Moure e Henrique Monteagudo


José Luís Moure, fillo de emigrantes galegos do Carballiño e Sobrado dos Monxes, é profesor de Historia da Lingua e director da Cátedra Libre de Estudos Árabes na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Buenos Aires, onde ensina Dialectoloxía Hispanoamericana e Lingüística Diacrónica. Director da revista Incipit, é tamén investigador do Consejo Nacional de Investigaciones Científicas y Técnicas, onde dirixe o Instituto de Investigaciones Bibliográficas y Crítica Textual.

Co gallo da visita, os representantes da Real Academia Galega mantiveron unha cordial entrevista co Presidente da Academia Argentina de Letras, durante a cal se tratou das posibilidades de colaboración das dúas institucións de cara a facilitar o achegamento entre a cultuga galega e a arxentina, con tantos puntos en común na historia recente. Neste sentido, acordouse explorar unha liña de actuación conxunta entre as dúas academias para promover actividades que teñan como eixo central a recuperación e difusión da figura dos principais escritores galego-arxentinos. A Real Academia Galega propuxo ao Presidente da Academia Argentina de Letras a realización dunha actividade conxunta das dúas institucións en Buenos Aires o vindeiro 2015, coincidindo coa celebración do Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, prevista para o próximo mes de abril na capital porteña. José Luís Moure acolleu a proposta con entusiasmo e comprometeuse a trasladala para o seu estudo á corporación que preside.