O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, asistiu ao acto, que tamén foi seguido por outros membros da Academia. No seu discurso Ivo Castro repasou a historia lingüística do noroeste da península Ibérica, a "Galécia Magna", en palabras do seu mestre Joseph-Maria Piel, lembrou. O filólogo defendeu esta denominación xa que permite falar dos tempos nos que Galicia gañou autonomía con relación a León, e Portugal con relación a Galicia e León, “sen recorrer a categorías e denominacións modernas”, dixo.
Henrique Monteagudo percorreu o case medio século de dedicación á docencia universitaria de quen definiu como "un amigo de Galicia, un visitante sempre gozoso da nosa terra e das aulas da nosa Universidade e un perseverante e eficaz facilitador dos contactos académicos galego-portugueses, decote disposto a abrir portas a calquera iniciativa galega solvente de tipo académico ou cultural". O académico destacou así mesmo de Ivo Castro a súa reivindicación da filoloxía como "demanda da verdade".