Inauguración dos Cursos de Verán 2014

Esta XXVII edición dos Cursos de Verán de Lingua e Cultura Galegas para persoas de fóra de Galicia conta cun total de 64 alumnos matriculados procedentes de 22 países.
Ernesto González Seoane, Xesús Alonso Montero, Juan Viaño, Valentín García Gómez e Xosé Luís Regueira
Ernesto González Seoane, Xesús Alonso Montero, Juan Viaño, Valentín García Gómez e Xosé Luís Regueira


O acto contou coa presenza, entre outros, do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; do reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño Rey; do director do Instituto da Lingua Galega, Ernesto González Seoane e do membro de número da Academia e director dos cursos, Xosé Luís Regueira.

Na súa intervención, o presidente da Academia salientou a importancia dos Cursos na internacionalización da cultura galega: "Na Idade Media visitaron o noso país a través do Camiño de Santiago peregrinos procedentes de toda Europa sen os cales sería imposible concibir o esplendor da nosa lírica medieval. Hoxe vostedes son continuadores daquela peregrinatio, portadores dunha idea de Galicia que logo han difundir no seu país de orixe".

Para o director dos Cursos, Xosé Luís Regueira, os Cursos supoñen unha achega "cualitativamente moi importante, pois supoñen un incremento da presenza exterior da cultura galega nas universidades estranxeiras". Para Xosé Luís Regueira, ademais, os Cursos teñen tamén un valor decisivo para o noso propio autocoñecemento: "A través da vosa mirada somos quen de vérmonos nós mesmos desde o exterior, e as vosas impresións do noso país resultan dunha grande importancia para nós".

O director do ILGA, Ernesto González Seoane, pola súa parte, subliñou a importancia do apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística para o desenvolvemento dos Cursos, e salientou, así mesmo, o clima de colaboración e confianza entre o ILGA e a Academia que fai posible, cada ano, a continuidade dos Cursos.

Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, recuncou na valoración da importancia da proxección exterior da nosa cultura: "Os Cursos de Verán son unha oferta formativa desde a que se contribúe á difusión internacional da nosa cultura e lingua, á investigación sobre diferentes ámbitos da realidade galega e, de maneira moi importante, ao prestixio do idioma, tamén dentro da sociedade galega".

Imaxe do alumnado asistente á inauguración dos Cursos de Verán
Imaxe do alumnado asistente á inauguración dos Cursos de Verán