Homenaxe nacional a Bernardino Graña

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e o Colectivo ArTeu, en colaboración coa Real Academia Galega e a Universidade da Coruña, organizan unha homenaxe a Bernardino Graña.
Cartel da homenaxe nacional a Bernardino Graña
Cartel da homenaxe nacional a Bernardino Graña


Baixo o título Medre o mar!, celebrarase a homenaxe nacional ao poeta e académico Bernardino Graña Villar o vindeiro sábado 1 de setembro na cidade da Coruña. A xornada dará comezo ás 11:00 horas cun obradoiro de creación plástica conformado por numerosos artistas recoñecidos. De seguido, poderanse escoitar lecturas dramatizadas e a mañá concluirá cun recital a cargo de poetas como Natalia Concheiro, Berta Dávila ou Alfredo Ferreiro.

Ás 16:45, unha travesía polo mar da Coruña cos escritores Anxo Angueira e Xabier P. Docampo abrirá a sesión de tarde. Seguidamente, terá lugar unha marcha gaiteira na honra do escritor. Para finalizar, desenvolverase un acto poético-musical de entrada libre no Paraninfo da Universidade da Coruña ás 18:30 horas. Nel participará o reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, a carón de voces como as de Xosé María Álvarez Cáccamo, Marica Campo, Marta Dacosta, Pilar Pallarés, A Quenlla ou Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Academia.

O programa completo xa pode descargarse aquí.