O acto no auditorio vigués de Afundación (rúa Policarpo Sanz, 24-26), de entrada libre ata completar capacidade, terá unha primeira parte de carácter literario e rematará coa proxección da película documenta Cidadán Alonso Montero, o mestre das palabras de Xan Leira. A xornada continuará cun xantar de irmandade. Máis información no teléfono 629 587 807 e en www.premiosdacritica.org.
A homenaxe terá lugar na mesma cidade onde Xesús Alonso Montero naceu o 28 de novembro de 1928 e onde reside. Licenciado en Filosofía e Letras na Universidade Central de Madrid e doutor pola de Salamanca coa tese Lengua y estilo de Curros Enríquez en su poesía gallega (1966), tras impartir docencia como catedrático de ensino secundario incorporouse á Universidade de Santiago de Compostela, onde chegou a ser catedrático de Literatura Galega no ano 1991. A súa obra abrangue un amplo abano de temas que van desde a literatura á sociolingüística e á historia de Galicia.