Henrique Monteagudo recollendo o Premio Rosa dos Ventos no Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstolo.
O presidente da Academia deu unha conferencia sobre Castelao para o alumnado de secundaria do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstolo.
Henrique Monteagudo, Miguel Anxo Seixas e Marcos Calveiro, acompañados de Anxo Lorenzo, na mesa sobre pensamento de Castelao no século XXI que protagonizaron na Feira do Libro de Buenos Aires.
Un momento da mesa sobre o pensamento de Castelao no s. XXI na Feira do Libro de Buenos Aires.
O presidente da Academia recibiu de mans do alumnado o Premio Rosa dos Ventos que se lle outorgara na edición de 2016 en recoñecemento ao seu labor tendendo pontes entre Galicia e a diáspora na Arxentina. A presentadora do acto, Sofía Conde Quispe, agradeceu a oportunidade de escoitar o representante “da institución que vela pola nosa lingua” e a conferencia que impartiu sobre o intelectual galeguista, cadrando coa celebración do Ano Castelao nos 75 anos do seu pasamento no exilio arxentino. “É un privilexio, unha fonte de motivación e unha aprendizaxe que, sen dúbida, deixará unha fonda pegada”, engadiu a estudante.
Henrique Monteagudo falou tamén o martes sobre Castelao na Feira do Libro de Buenos Aires, nunha mesa sobre a vixencia do seu pensamento no século XXI canda Miguel Anxo Seixas, presidente da Fundación Castelao, e Marcos Calveiro, director de edicións da Editorial Galaxia, que celebra tamén neste 2025 os seus 75 anos de vida. A axenda do presidente da Academia no que é un dos encontros da industria do libro máis importantes de Latinoamérica incluíu outras dúas conferencias sobre o exilio americano, centrada no caso de Buenos Aires entre 1940 e 1962, e a situación actual da lingua e os desafíos do presente.
Por outra banda, no marco da colaboración entre a Cátedra Institucional Castelao da USC e da Cátedra Libre de Estudos Galegos "Castelao" da Universidad de Buenos Aires, o profesor Monteagudo guiará este sábado un itinerario arredor da vida e a obra de Castelao por Buenos Aires e ofrecerá outra charla na Asociación ABC do Partido de Corcubión sobre o seu libro Castelao. A forxa dun mito.