Galo Salinas
Nado na Coruña en 1852 e finado na mesma cidade en 1926, a peripecia vital de Galo Salinas garda un certo paralelismo coa de quen foi o seu compañeiro de militancia e, ao mesmo tempo, gran rival artístico: Manuel Lugrís Freire, o autor máis recoñecido nos albores do teatro galego, e que defendía, a diferenza de Galo Salinas, un teatro comprometido e de intervención nos debates do seu tempo. Os dous viviron a experiencia da emigración americana, e incorporáronse, á volta, ao círculo rexionalista organizado na Coruña ao redor da figura de Murguía: a Cova Céltica.
Precisamente como teórico desta corrente, Galo Salinas había publicar en 1892 a monografía El Regionalismo gallego. Estudio social, que se pode ler aquí e foi tamén o fundador e director do semanario voceiro deste grupo político, a Revista Galicia, que se pode consultar íntegra nesta ligazón da nosa Hemeroteca Virtual, na que escribiu de xeito abundante, empregando quer o seu propio nome, quer pseudónimos como Janiño e Manecho.
Mais, como xa dixemos, Galo Salinas dedicou a meirande parte dos seus esforzos á construción dun teatro galego e en galego daquela practicamente inexistente, e fíxoo desde todas as frontes posibles. No eido da creación, escribiu obras como o primeiro drama histórico galego, A torre de Pedro Burdelo (1891); ¡Filla…!, de 1892, que xa temos comentado aquí, e que mereceu o comentario case eloxioso de Carballo Calero na súa Historia da literatura galega (Galaxia, 1963), e Bodas de Ouro de 1921.
No eido da teorización, Salinas publicou en 1892 Memoria acerca de la dramática gallega. Causas de su poco desarrollo e influencia que en el mismo puede ejercer el regionalismo de 1896, que está accesible nesta ligazón da nosa biblioteca virtual, e na que defende a validez do galego como lingua literaria perante os ataques de Juan Valera, e establece como principal causa do atraso do noso teatro a falta de actores e actrices axeitadamente formados. Para paliar esta carencia, Galo Salinas funda e dirixe, entre 1903 e 1904 a Escuela regional de Declamación, destinada precisamente á formación dos futuros actores e actrices que precisaba o teatro galego no seu limiar.
O 30 de novembro de 1923, ten lugar, no predio da Irmandade da Fala coruñesa, un faladoiro no que toma a palabra Galo Salinas (Laura Tato, 1997), quen, case trinta anos despois da publicación da súa Memoria, traza unha nova diagnose da situación do teatro galego, na que recunca no emprego dalgunhas razóns amentadas xa en 1896 á hora de xustificar o seu escaso desenvolvemento, como a falta de prestixio da lingua entre as clases sociais máis altas, e incide, outra vez, na necesidade de separar arte e denuncia social.
Unha copia do texto orixinal da intervención de Galo Salinas pódese consultar aquí.