Xerais ofrece Florencio Delgado Gurriarán. Obra poética, un volume ao coidado de Xosé Ramón Pena que recolle a poesía do autor editada en vida en forma de libro e que se completa cun apéndice. Este conta con dezaseis composicións que, na súa maioría, foron publicadas en revistas e xornais e non chegaron nunca a seren incorporadas aos poemarios.
A Editorial Galaxia encargoulle as edicións de Bebedeira (1934), Galicia infinda (1963) e O soño do guieiro (1986) a Dulce Fernández Graña. No mesmo selo ve a luz Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio, unha antoloxía a cargo de Xesús Alonso Montero que vai dende a poesía neotrobadoresca ata a negra dun autor que, salienta o académico no limiar, amosou unha extraordinaria preocupación polo idioma e escribiu unha serie de poemas sociolingüísticos, “insólitos no seu tempo”. A eles dedícalles un capítulo tanto na análise da obra como na escolma poética.
Florencio Delgado Gurriarán. Antoloxía poética é a escolma máis valdeorresa da poesía do autor. Editada por Galaxia, é unha iniciativa do proxecto As Letras de Florencio ao coidado da súa directora, Débora Álvarez Moldes, e Margarida Pizcueta Barreiro.
No apartado de títulos para se achegar á vida do autor, Galaxia reedita a biografía de referencia sobre Delgado Gurriarán, Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista, do historiador e sobriño do homenaxeado, Ricardo Gurriarán, publicada en 1999 pola desaparecida Ediciós do Castro.
Miro Villar asina en Xerais Florencio Delgado Gurriarán: vida e obra dun poeta no exilio mexicano, un libro divulgativo dirixido fundamentalmente ao alumnado de secundaria, aínda que serve igualmente como aproximación ao poeta para todo o público. Tamén en Xerais, Héctor Cajaraville presenta Florencio Delgado Gurriarán. Polos vieiros da saudade, unha biografía pensada para o público algo máis novo; e Ir Indo ofrece unha aproximación á vida do escritor e activista cultural, Florencio Delgado Gurriarán: nosa Galicia e máis que toda a Terra, de Tania Pérez e Xosé Ramón Campos.
O colectivo Polo Correo do Vento, como en edicións anteriores, diríxese aos nenos e nenas cunha pequena biografía ilustrada, Florencio Delgado Gurriarán, de Valdeorras a México. Terra a nosa!, publicada por Lela Edicións. O público infantil é igualmente o destinatario de Florencio Delgado Gurriarán. Un legado infindo, de Lucía Gómez Álvarez, unha proposta apoiada en pictogramas incluída na colección Lectura Fácil de Galaxia; Bolanda dedícalle ao autor o último volume da colección dos Bolechas das Letras Galegas e Ir Indo edita unha guía didáctica elaborada por Débora Álvarez Moldes. A RAG tampouco esquece o público máis novo e ofrece na páxina web de Primavera das Letras a biografía infantil sobre o autor escrita por Ledicia Costas.
O público máis novo é igualmente o destinatario de Florencio Delgado Gurriarán fronte á exaltación da natureza. Con texto de Xosé Antonio Perozo e ilustracións de Antonio Seijas, é unha edición da Deputación de Ourense co gallo da 8ª Semana Escolar das Letras Galegas.
A Deputación de Pontevedra, a través dos departamentos de Lingua e Memoria Histórica, presentará o 11 de maio Florencio, unha banda deseñada sobre o autor realizada de maneira coral polo alumnado e o persoal da escola O Garaxe Hermético. A coordinación correu a cargo de Kiko DaSilva con Fernando Llor no guión, Fernando Iglesias na rotulación de textos e Zaida Novoa, Pablo Prado, Miriam Iglesias, Damián Gómez, Eli García, Jorge Fernández, Chano Ripio, Iria Aldegunde, Antonio Recuna, Miguel Rojo, Fonso Barreiro e Mara Méndez nas ilustracións.
Xa para o público adulto, a Real Academia Galega contribúe ao mellor coñecemento de Florencio Delgado Gurriarán coa edición especial, dixital e impresa, do discurso que escribiu co gallo da súa recepción como académico correspondente, nun acto celebrado en Valdeorras no ano 1981. No texto, cuxo mecanoscrito se conserva no arquivo da institución, o escritor relata en primeira persoa como tivo que fuxir a México canda tantos outros que pensaban coma el, o seu agradecemento co país que acolleu tantos exiliados despois da guerra civil e tamén o labor a prol da cultura galega que, xunto a outros paisanos.
A Academia publicará ademais proximamente dous volumes máis sobre o autor. O primeiro é unha edición galega, ao coidado e anotada por Ricardo Gurriarán, da entrevista de Dolores Pla a Florencio Delgado Gurriarán, unha longa conversa mantida na cidade mexicana de Guadalajara no ano 1979 e conservada polo Instituto Nacional de Antropoloxía e Historia de México no marco do proxecto de historia oral dos refuxiados españois. O segundo, unha escolma de correspondencia do homenaxeado con persoeiros da cultura galega.
Dende o mundo institucional chegan outras propostas editoriais como a edición facsimilar do Consello da Cultura Galega do Cancioneiro da loita galega, publicado en 1943 polo Partido Galeguista en México, e no que Florencio participou con varios poemas. O volume conmemorativo inclúe un estudo crítico de Xesús Alonso Montero, responsable da reedición de 1996 en Ediciós do Castro, e notas de Ricardo Gurriarán.
A Universidade de Santiago de Compostela presenta o venres 13 de maio outro volume sobre Florencio, coordinado pola profesora Dolores Vilavedra. Será no seu acto de celebración do Día das Letras Galegas, que terá lugar ás 12:00 horas no salón nobre de Fonseca. Pola súa banda, o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades dedica o novo número dos seus Cadernos ao poeta, e Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense fai o propio no número 48 da revista Raigame.
Fóra de Galicia, a Universitat de Barcelona súmase á conmemoración cunha escolma bilingüe de poemas de Florencio, preparada por María Xesús Lama, que formará parte da colección de plaquettes Lletres gallegues UB / Letras Galegas UB editada por Chan da Pólvora.
As Letras de Florencio chegan igualmente aos quiosco. Entre outras contribucións, o número 103 de Luzes é un especial sobre a súa figura e o exilio galego en México; o sábado 14 de maio Nós Diario virá acompañado dun número especial do semanario Sermos Galiza centrado na súa figura e La Voz de Galicia ofrecerá o 17 de maio o volume Florencio Delgado Gurriarán. Sempre desexando Galicia, unha biografía e antoloxía a cargo de Sara Pérez Peral.