Que características definen, ao seu parecer, a obra de Vidal Bolaño?
Unha delas e para min principal, é que contemplada en perspectiva, a obra de Roberto vén sendo a crónica do tránsito dunha sociedade tradicional, con referencias ben definidas e constantes que definiron o seu xeito de ser durante séculos, a outra integrada nun mundo global e mestizo, no que os elementos que conformaban a identidade colectiva entran en crise.
Que importancia tivo a súa figura –como autor, director e actor- na constitución do teatro galego moderno?
A figura de Roberto Vidal Bolaño na constitución ou construción do teatro galego foi fundamental. Moitas persoas foron necesarias para que Galicia gozase dun sistema teatral estable e recoñecible, pero só algunhas foron imprescindibles, e entre elas, está Roberto. E foino dende o punto de vista da reflexión sobre que se entendía por teatro galego, tamén dende a súa capacidade para diagnosticar cada momento do proceso de constitución, como elemento activo que participou de todos os oficios: escritor, director, empresario, actor, técnico de luz e son... e, sobre todo, porque mantivo durante toda a súa vida un vínculo permanente e vital co teatro, pero non cun teatro xenérico, que tamén, senón co teatro de Aquí.
Eu lembro os debates na mostra de teatro de Ribadavia, no local de Abrente, na década dos anos 70 e cando penso niso, son tres as figuras que sempre se me veñen á memoria: Manolo Lourenzo, Manuel María e Roberto Vidal Bolaño.
Que vixencia conserva a súa obra no contexto actual?
Nun momento como o actual, de crise e precariedade extrema, en particular no mundo da cultura, pero tamén nos alicerces do estado do benestar, a obra de Roberto, que sempre explorou os límites, axuda a reflexionar e a procurar espazos de resistencia. Na miña opinión, as súas últimas obras, máis histriónicas e irónicas, anticipaban a situación actual.