"Fálolles aos rapaces de Antonio Fraguas, pero tamén moito da época que lle tocou vivir"

Coma moitos veciños e veciñas de Santiago, Héctor Cajaraville cruzouse en varias ocasións con Antonio Fraguas (1905-1999) polas rúas da cidade. Sabía que aquel home de avanzada idade que paseaba na compaña da súa sobriña era un persoeiro destacado da cultura galega pero pouco máis. Desde ese punto de partida, o escritor asumiu a encarga de Xerais de escribir a biografía do protagonista do Día das Letras Galegas 2019 para a colección infantil e xuvenil Merlín, unha oportunidade para descubrir un personaxe que o deixou "fascinado". Antonio Fraguas. O bo mestre, o mestre bo permítelle ao público máis novo compartir esa descuberta. O relato, cun título que resalta a calidade humana e vocación docente do intelectual, é ademais un bo xeito de dar a coñecer de maneira sinxela e amena a historia do século XXI aos mozos e mozas do novo milenio.

Héctor Cajaraville coa súa biografía de Antonio Fraguas. Fonte: RAG


Vostede naceu e criouse en Santiago, a cidade onde Antonio Fraguas se estableceu definitivamente en 1959. Tivo oportunidade de coñecelo? Que imaxe tiña vostede del antes de escribir a biografía para a colección Merlín e como foi cambiando?
Xerais non me escolleu pola vinculación directa que puidese ter co homenaxeado, senón porque antes escribín un libro biográfico sobre frei Rosendo Salvado -Nova Nursia (Xerais, 2018)- e considerou que podería ser a persoa indicada para achegar a figura de Antonio Fraguas a rapaces. Á editorial non lle pareceu un impedimento que non o coñecese, viu interesante que alguén que non estivese condicionado por un coñecemento previo del puidese facer un achegamento máis libre e, digamos, aséptico á súa figura. Cando empecei a documentarme e a descubrir a Antonio Fraguas, quedei un pouco fascinado. Supoño que sempre pasa cando afondas na vida e na obra de alguén, pero neste caso estamos a falar dun home que fixo tantas cousas durante tanto tempo! Tivo relación máis ou menos directa con todo o que se fixo no ámbito da cultura e do galeguismo ao longo do século XX e, claro, é normal que quedes abraiado!

Por riba de toda a traxectoria académica e intelectual, todo o mundo co que fun falando para obter máis información sobre el destacaba o boa persoa que era, sempre xeneroso e disposto a axudar, e ese é o mellor recordo que pode deixar alguén. Que máis dá se es máis ou menos preciso nos teus traballos intelectuais se despois non deixas esa pegada humana que el si deixou. Descubrir isto foi unha das cousas que máis me gratificaron no proceso de achegamento a Fraguas.

Tendo en conta o público ao que se dirixe esta biografía, un dos maiores esforzos debeu de ser a recreación da súa vida dun xeito ameno e cun estilo sinxelo.
Si, despois de reler todo o que se escribiu sobre el, entrevistas que lle fixeron ou artigos que completaban algunha perspectiva, o seguinte foi centrarme en filtrar e adaptar a información para un rapaz de 12 ou 13 anos que non coñece de nada a Antonio Fraguas, como é natural, porque polo menos ata o momento non era unha figura excesivamente coñecida e tampouco ten obra dirixida especificamente ao lectorado desta idade. O meu obxectivo é que cando remate o libro diga: "Agora entendo por que lle dedicaron o Día das Letras Galegas". Con esta proposta de partida, centreime nos aspectos que me parecía que poderían ser de máis interese para un rapaz, e por iso me centrei na figura humana e non no puramente académico, nos seus traballos etnográficos ou xeográficos.

Por que esa opción?
Decidín facelo así en primeiro lugar pola súa calidade humana, porque pensei que pagaba a pena, e despois porque aínda que se di que non tivo unha vida excesivamente literaria ou novelesca, a min paréceme o contrario: foi fillo de solteira que logo deixou de selo; chegou a estudar a Pontevedra desde a aldea e no instituto era case o único que tiña esa orixe, un estigma que el converteu en algo do que presumir; despois entrou en contacto con todos os movementos culturais do momento, desde o Seminario de Estudos Galegos e as Irmandades ata o Partido Galeguista, tamén se relacionou coa xente do grupo Nós… E despois da guerra civil participou tamén no Instituto Padre Sarmiento e no Museo do Pobo Galego, onde el foi case o factótum.

Cada capítulo da biografía complétase cunha pasaxe da súa vida que decidiu narrar en primeira persoa, meténdose na pel de Fraguas.
Si, moita xente pensa que son textos que escribiu o propio Antonio Fraguas, extraídos dalgún diario persoal ou dalgunha entrevista, pero non é así, é un xogo literario, aproveito para aclaralo. Falo en primeira persoa de lembranzas e reflexións que supoño que el faría neses momentos vitais de máis relevancia, creo que responden moito á súa maneira de pensar e ao que el escribiu noutras ocasións. Pareceume que enriquecía o libro e que o facía máis lixeiro.

Nas páxinas de ‘Antonio Fraguas. O bo mestre, o mestre bo' apréciase tamén un esforzo por achegar o público novo non só á vida de Fraguas, senón á historia do século XX.
Si, hai moito contexto, falo de Antonio Fraguas pero tamén da época en que el viviu, que abrangue practicamente todo o século XX. Para os rapaces de primeiro da ESO os anos 20 son a prehistoria, e os 90 tamén! Agora son profesor nun centro de secundaria e cando lles pregunto cal é o primeiro recordo que teñen dinme: "Cando España gañou o mundial de fútbol (2010)". Para min foi onte pero para eles é o punto de partida do seu presente (ri), así que falarlles do Seminario de Estudos Galegos require moito contexto. Algúns descoñecen que houbo unha guerra civil porque aínda non lles chegou o momento de estudala, non saben que houbo unha ditadura que durou 40 anos nin as consecuencias que tivo e segue tendo. Por iso quixen completar a biografía falando deses momentos históricos que lle tocou vivir a Fraguas.

Cal é, ao seu xuízo, o principal legado que nos deixou o protagonista do vindeiro 17 de maio?
El foi recompilando todo o que lle parecía interesante relacionado coa cultura popular galega, desde as cantigas e os xogos tradicionais ás edificacións, porque era consciente de que ese mundo estaba a desaparecer, porque a Galicia dos anos en que viviu deu un salto que noutros sitios tardou séculos en producirse. E moito diso non se perdeu, ou polo menos quedou rexistrado, catalogado e exposto grazas a que Antonio Fraguas fixo o seu labor dunha maneira tan intensa, sen desbotar nada. Para el calquera cousa era un punto de partida interesante para escribir un artigo ou un libro ou facer unha exposición.