Entrega do XXIX Premio Celanova, Casa dos Poetas

Durante o transcurso do acto, que tivo lugar o pasado 8 setembro, a empresa de telecomunicacións R recibiu o galardón desta edición polo seu labor en defensa do galego.
Imaxe dalgunha das autoridades asistentes ao acto
Arturo Dopico, conselleiro delegado de R, recibiu o galardón en nome da empresa


A entrega do premio, que tivo lugar no Auditorio Ilduara de Celanova, contou coa asistencia, entre outros, da presidenta do Parlamento, Pilar Rojo; do conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez; do presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar Blanco; do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; do secretario desta corporación, Henrique Monteagudo e do conselleiro delegado de R, Arturo Dopico.

Nesta ocasión, o eloxio da entidade premiada correspondeulle ao secretario da Academia Henrique Monteagudo, quen salientou, no seu discurso, o firme compromiso que esta empresa de telecomunicacións vén mantendo co uso do galego xa desde a súa campaña promocional de lanzamento. Henrique Monteagudo revelou tamén que, segundo amosan varias enquisas de opinión, a maioría dos galegos prefiren ser atendidos na súa propia lingua cando acoden a un establecemento comercial, e que tamén se manifestan favorables ao emprego da súa lingua nos anuncios e publicidade. A pesar disto, lamentou, "a utilización do idioma nese ámbito continúa a ser a excepción e non a norma. Por tanto, o espello da publicidade devólvenos unha imaxe que non é a nosa". O secretario da Academia destacou tamén o progreso que supón para o prestixio da lingua, o seu uso por empresas dedicadas ao campo das novas tecnoloxías, como é o caso de R.

O discurso completo de Henrique Monteagudo pódese descargar aquí.