"Eidos é unha publicación que podemos considerar rara, porque naceu como unha revista feita por alumnos, aínda que inducida polo profesorado e desde unha institución como é a Igrexa", valora Julio Estrada Nérida, que tamén colaborou nas súas páxinas cun artigo sobre Sargadelos. A súa relación coa revista remóntase aos anos nos que impartía clases de Bioloxía no Colexio La Salle de Palencia, a través da súa amizade co irmán Xosé Reboiras, un referente do centro compostelán. O investigador, farmacéutico pero formado posteriormente en arquivística, profunda agora nas páxinas de Eidos, que ata o ano 1982, na etapa dirixida polo verinés Fernando Diéguez Sotillo, tivo un marcado carácter cultural cun peso moi relevante das letras galegas en xeral e da celebración do 17 de maio en particular, salienta. "Nesa primeira época publicáronse 14 números, dos que se conservan 12 no Colexio La Salle de Santiago, onde tiven a oportunidade de consultas os que eu non teño. Foron feitos de xeito humilde, tirados na multicopista do centro educativo e só cubertos nalgunhas ocasións con portadas de imprenta. Despois a publicación interrompeuse ata que volveu editarse en 1995, co mesmo nome pero transformándose realmente nunha memoria escolar", conta.
Euloxio Regueira, Xosé E. Cora López, Xoxé Manuel López Agra, Ramiro Cañoto Fieiza, Xoán Fernández, Xesús Pereira López, Isidoro A. Fernández, Suárez Quintanilla e Xan Xosé de Ozamiz Lestón. Con estes nomes asinaban nove mozos en marzo de 1976 o editorial da revista. Nel definíanse como "un fato de rapaces, enfoutados de loitar unha boa liorta pola nosa lingua", que deixaban nestas follas "algúns froitos sinxelos das súas inquedanzas literarias, culturais i artísticas". Nas seguintes dúas páxinas reproducíase parte da conversa mantida con Antonio Fraguas no veciño convento de San Domingos, onde catro meses despois se inauguraría a primeira sala do Museo do Pobo Galego. O protagonista do Día das Letras Galegas 2019 sería o seu primeiro director e máis adiante, presidente.
A entrevista, asinada por David Isidoro, recolle varias consideracións de Fraguas sobre a lingua, entre elas a súa aposta pola irmandade entre o galego e portugués en termos semellantes aos manifestados polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, na recente viaxe institucional ao Brasil. Tamén expresaba o vello profesor, xa xubilado, a súa teima de que o ensino fose en galego, "meirandemente nos logares onde os rapaces falan o galego dende que nasceran". A Lei Villar Palasí, aprobada en 1970, dera un tímido paso e contemplaba a posibilidade do "cultivo, en su caso, de la lingua nativa". A interpretación da norma por parte da inspección educativa custáralles a finais de 1974 a varios docentes seren expedientados e ese mesmo curso, o 1975-1976, nacía a materia de Lingua Galega, mais só como optativa. Nos quioscos, o galego tardaría aínda uns meses máis en aparecer da man de Teima, a primeira revista xornalística publicada en galego desde a posguerra, editada entre setembro de 1976 e agosto de 1977.
O alumnado tamén preguntou a Fraguas pola súa visión sobre as principais figuras do galeguismo. O etnógrafo definía a Castelao como "único" e manifestaba a honra que supuña ocupar a súa cadeira na Real Academia Galega. Entre os aínda vivos sinalaba a Ramón Otero Pedrayo, encargado de lle dar resposta no seu discurso de ingreso na mesma institución. O intelectual ourensán tamén colaborou con Eidos cun texto sobre Ramón Cabanillas que viría a luz a postumamente no número 2, en maio de 1976. A cuberta da revista anunciaba o pasamento de Otero Pedrayo ("Morreu o Patriarca das Letras Galegas") e a publicación do seu "derradeiro escrito". O certo é que a súa colaboración sobre o poeta cambadés estaba asinada en abril de 1976. Otero Pedrayo finaba o día 10 dese mesmo mes.
Apaixonado dos arquivos e bibliófilo, Julio Estrada Nérida (Pontevedra, 1942), bisneto do académico e tesoureiro da RAG Félix Estrada Catoyra (1853-1938) e fillo do académico correspondente Félix Estrada Gallardo, ten especial interese polos temas relacionados con Galicia, onde ten as súas raíces. É autor, entre outros traballos, de Páginas de una biografía: Manuel Murguía, director del Archivo de Simancas (1868-1870) e dunha investigación sobre Manuel Díez Tavanera, armador da corveta María Pita na expedición filantrópica da vacina da varíola.