Discurso de recepción de Luís Iglesias Iglesias

O protagonista do Día do Científico Galego 2014, o académico Luís Iglesias, centrou o seu ensaio na análise dun insecto da orde dos coleópteros: o carabus.
Imaxe dunha Xunta Ordinaria da Academia
Imaxe dunha Xunta Ordinaria da Academia celebrada o 10 de marzo de 1968. Luís Iglesias é o terceiro pola dereita


O entomólogo vigués analiza no seu discurso de ingreso, que tivo lugar o 18 de decembro de 1947, as características biolóxicsa destes coleópteros carnívoros e benéficos para a agricultura ao incluíren na súa dieta alimenticia larvas e vermes daniños para os cultivos, mesmo a procesionaria do piñeiro.

Iglesias Iglesias enumera, a seguir, a ampla variedade de especies de carábidos atopadas en Galicia, clasificándoas a partir das súas diferenzas morfolóxicas. Entre as especies citadas aparece o carabus (Ctenocarabus) galicianus Gory, da que só foron atopados exemplares na Fonsagrada luguesa.

Na súa resposta en nome da Academia, Ramón Otero Pedrayo diserta sobre a presenza dos insectos na literatura, ora como símbolo da psique (a bolboreta), ora como arquetipo dunha organización social utópica (as abellas). Otero evoca, así mesmo, a tradición dos estudos científicos en Galicia, desde o Padre Feijoo e Martín Sarmiento, ata Cornide e Miguel Colmeiro, e remata a súa alocución situando o científico vigués no ronsel destes estudosos.

O discurso de Luís Iglesias titulado Especies del género carabus en Galicia, pódese descargar nesta ligazón.