Diego Rodríguez presenta en Vigo o 19 de maio as 'Rimas populares' de Murguía

Manuel Murguía (1833 -1923) anunciou, ao longo de moitos anos,  a existencia e a inminente publicación dun libro titulado Rimas populares de Galicia que recompilaría os romances que fora acumulando grazas á axuda dunha rede de colaboradores. Pero aquel libro do primeiro presidente da Real Academia Galega semella que nunca chegou a saír do prelo. As Rimas populares de Galicia de Manuel Murguía. Edición e estudo dos materiais conservados, ao coidado de Diego Rodríguez González, traza o percorrido do proxecto e ofrece as que páxinas “definitivas” que chegaron ata hoxe a partir da documentación que se conserva na Fundación Barrié e na Real Academia Galega. O académico correspondente presentará o volume o martes que vén, 19 de maio, en Vigo nun acto que terá lugar a partir das 19 horas na Casa Galega da Cultura. Acompañarano o presidente da RAG, Henrique Monteagudo, e Carlos L. Bernárdez, coautor de Romanceiro en lingua galega (2002).

Rimas populares de Galicia de Manuel Murguía ve a luz dentro da colección da Academia Anexos BRAG co apoio do Concello da Coruña, e preséntase desta volta en Vigo contando coa colaboración do Concello de Vigo, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Será nunha charla aberta a todo o público ata completar a capacidade da sala.

Diego Rodríguez é membro correspondente da Real Academia Galega e responsable de Patrimonio e Cultura e bibliotecario da Fundación Barrié. Bateu por primeira vez coas Rimas de Murguía, hai xa máis de vinte anos, na entidade para a que traballa. Foi a través do fondo de Said Armesto, quen recibira do propio Murguía as 77 follas numeradas da transcrición que outro académico fundador, Florencio Vaamonde Lores, realizara por encarga do historiador, escritor, xornalista e político de cara á preparación da frustrada publicación. Desde entón o historiador traballou pola promoción deste legado manuscrito, do que tamén forman parte algúns pregos do puño e letra da rede de correspondentes de Murguía e mais dous prólogos das Rimas conservados no Arquivo da RAG. 

O título que fai o número 11 de Anexos BRAG reproduce unhas 150 composicións poéticas: as incluídas nos papeis que hoxe se conservan do home de Rosalía de Castro, mais outras publicadas con retoques por Lois Carré nos anos 50 do século XX a partir de documentación do primeiro presidente da RAG hoxe non localizada. Entre as primeiras, Diego Rodríguez destaca o “Romance de Silvana”, un dos máis estendidos en Portugal e tamén en España, así como versións galegas inéditas dos versos de “A doncela guerreira”, aprendidos pola súa filla Alejandra Murguía de Castro a través da anciá de Laxe que traballaba para o seu avó, sinala Diego Rodríguez.

O autor
Diego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1972) medrou en Monforte de Lemos e ten tamén raíces en Beade (Ourense). “Alí aínda son o neno da miña avoa Marina”, comparte. Licenciado en Xeografía e Historia USC nas especialidades de Historia Contemporánea e Biblioteconomía e Arquivística, a súa edición das Rimas de Murguía súmase a unha nómina de artigos de investigación sobre temas rosalianos e de investigación sobre manuscritos desde a perspectiva da identificación caligráfica e a bibliografía material.