Convocada a XXVIII Edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas

Os Cursos, dirixidos a persoas de fóra de Galicia, desenvolveranse en Santiago de Compostela entre o 1 e o 24 de xullo.
Xesús Alonso Montero faille entrega do seu título a unha alumna
Xesús Alonso Montero faille entrega do seu título a unha alumna dos Cursos de verán


Organizados conxuntamente pola Real Academia Galega, a Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e a Deputación da Coruña, a XXVIII Edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas será dirixida polo secretario da Academia, Henrique Monteagudo.

Divididos en tres niveis –elemental, medio e superior- segundo o grao de coñecemento previo da lingua e cultura galegas de cada alumno, os Cursos de verán achegan unha visión completa sobre a historia e o estado actual da lingua e a cultura galegas desde unha perspectiva multidisciplinar que inclúe a proxección de filmes e documentais, a asistencia a conferencias e recitais poéticos así como visitas guiadas a eventos e lugares de interese polo seu valor etnográfico ou paisaxístico.

Concibidos como unha ferramenta fundamental no proceso de internacionalización da lingua e a cultura galegas, os máis de dous mil cincocentos alumnos procedentes de máis de trinta países que asistiron aos Cursos de verán ao longo dos últimos vinte e sete anos, constitúen hoxe un factor moi importante de prestixio para a nosa lingua e un elemento clave para a súa normalización.

O prazo para se matricular nos Cursos de verán remata o vindeiro 30 de abril e a ficha de inscrición pódese descargar aquí.

O folleto informativo dos Cursos pódese descargar nestoutra ligazón.