Xulio Sousa, Alonso Montero, Carlos Alberto Salgado, Valentín García e Xosé Luís Regueira
O profesor Salgado facendo entrega do
diploma a unha alumna do curso
O acto de clausura, celebrado o 24 de xullo no salón de actos da Facultade de Filosofía da USC, contou coa presenza, entre outros, do presidente da Academia, Xesús Alonso Montero; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; do membro de número da Academia e director dos Cursos, Xosé Luís Regueira; do vicerreitor de Internacionalización da USC, Carlos Alberto Salgado e do secretario do Instituto de Lingua Galega, Xulio Sousa, ademais de numeroso membros numerarios da Academia.
O membro de número da Academia e director da XXVII edición dos Cursos de verán, Xosé Luís Regueira, principiou a súa intervención agradecendo o apoio aos cursos da secretaría xeral de Política Lingüística, así como ao propio Instituto de Lingua Galega e a RAG, entidades organizadoras dos mesmos. Regueira salientou tamén a calidade do traballo realizado pola secretaria dos Cursos, Noemí Basanta, e do resto do profesorado e figuras da nosa cultura implicadas no desenvolvemento desta XXVII edición.
"Nós queremos contribuír a alimentar o voso interese pola nosa lingua e cultura", declarou o secretario do ILG, Xulio Sousa, quen amosou a súa satisfacción pola continuidade da que definiu como "unha das mellores ferramentas coas que conta a nosa lingua para a súa internacionalización".
Pola súa parte, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, logo de recuncar na importancia dos Cursos na proxección exterior da nosa cultura, concluíu: "A lingua galega está procurando construír un camiño cara ao seu futuro, e vós estades chamados a desenvolver unha tarefa moi importante neste esforzo comunal".
O presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, destacou no seu discurso a importancia da mirada allea como mecanismo para o autorrecoñecemento: "Nós vivimos no interior dun milagre e precisamos da vosa óptica para sabermos máis da nosa situación e da dirección cara á que nos encamiñamos". O presidente da Academia trazou, así mesmo, unha visión panorámica da evolución da situación da lingua galega ao longo do último medio século, desde a proscrición do seu uso en contextos públicos e cultos durante a Posguerra, ata o seu paulatino proceso de recuperación e normalización actual, e apuntou: "Aínda resta moito traballo por facer".