Benjamín López González
Benjamín López González naceu en Boal o 7 de decembro de 1918. Terceiro de once irmáns, era coñecido por "Benjamín del Albardeiro", debido ao oficio de seu padre, un ourensán orixinario do concello de Nogueira de Ramuín. Aínda que residiu unha tempada en Coaña, onde traballou na construción do salto de Doiras, acabou establecéndose coa familia na súa vila natal para exercer tamén como albardeiro. Ese traballo non lle impediu gañar sona a nivel comarcal como pintor e como escritor.
Na súa faceta de fistor queremos destacar aquí as composicións que redactou utilizando a fala coloquial boalesa, unhas poesías de corte popular polas que desfilan as paisaxes, os traballos, as festas e os costumes da comarca.
Son as cinco da mañá
condo subo por Morteiros,
llevo el gadaño nel hombro
el crabuño y el martello,
y teño el corno nel cinto
con agua y a pedra dentro,
y ruxindo cuas madreñas
marcho pa serra contento
que xa ta saliendo el sol
tan rubio como el pimento.
O propio autor, que ía editando en follas soltas as súas poesías (moitas en castelán), reuniu en 1960 varias delas nun libriño que titulou Montañas de la costa Verde, título que foi aproveitado polos fillos, en 1984, para o volume onde escolmaron o conxunto da obra literaria conservada. A poesía de "Benjamín del Albardeiro" resulta hoxe en día un testemuño da cultura tradicional boalesa de hai sesenta anos e tamén un interesante documento para os que teñamos curiosidade por coñecer a expresión literaria nas falas orientais.
Para descargar unha composición lírica de Benjamín López titulada "Eo a Jira nun la perdo…", podes premer nesta ligazón.