Chus Pato (Ourense, 1955) é autora dunha extensa obra poética que principiou en 1991 coa publicación de Urania (1991) e abrangue un total de doce títulos, desde Heloísa (1994) e Fascinio (1995), Nínive (1996, Premio Losada Diéguez en 1997), Hordas de escritura (2008, Premio da Crítica), ata m-Talá (2000), Charenton (2003), Secesión (2009) e Sonora, que vén de ser recoñecido co Premio Nacional de Poesía.
Dotada dun estilo moi recoñecible, caracterizado pola vontade de experimentación formal, a mestura de linguaxes e rexistros, a fusión de xéneros e o emprego de materiais que van do persoal ao político, do feminismo á filosofía ou á xeografía, o seu libro m-Talá, publicado no ano 2000, foi recoñecido como un verdadeiro cambio de época na poesía galega contemporánea.
“Sentímonos moi orgullosos deste novo recoñecemento á nosa compañeira e á nosa poesía”, declarou o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, “e celebramos que a literatura galega vaia acadando un maior recoñecemento e valoración fóra de Galicia”
O poemario Sonora, escrito tras a morte da súa nai en 2018, explora a condición de orfandade da autora mediante a mestura de prosa e verso, de elementos biográficos e históricos, citas, fragmentos de conversas e relatos e diversidade de voces poéticas que achegan un compendio da súa concepción da poesía:
“-miña nai é a meniña que agarda o regreso dun pai case desaparecido noutro continente. Esa meniña resolve que a espera rematou.
A muller maior de idade continúa fiel a esa decisión o día que o ve baixar as escaleiras,
vestido de branco, dun transatlántico no porto de Vigo.
Esa muller transmítelle a imposibilidade do perdón.”
Chus Pato ingresou na Real Academia Galega o 23 de setembro de 2017 a proposta de Darío Xohán Cabana Yanes, Henrique Monteagudo, Margarita Ledo e Xosé Luís Regueira. O seu discurso de recepción, Baixo o límite, foi respondido, en nome da Academia, por Francisco Fernández Rei.
O Ministerio de Cultura outorgáralle con anterioridade o Premio Nacional de Poesía aos libros de poetas galegos como Manuel Álvarez Torneiro (2013), Pilar Pallarés (2019), Olga Novo (2020) e Yolanda Castaño (2023).