O primeiro deles, Arte e galeguismo, é unha conferencia pronunciada o 19 de outubro de 1919 nas instalacións da Irmandade da Fala coruñesa co gallo dunha exposición do pintor Imeldo Corral, na que Castelao introduce consideracións estéticas como a seguinte que posúen aínda hoxe unha gran actualidade: "Hainos tan parvos que lle mandan dar unha man de cemento á súa casa de canteiría pra imitar dispois canteiría, que ven a sere o mesmo que darlle purpurina ô verdadeiro ouro".
O segundo é a narración O retrato, publicado primeiramente na revista Nós de xullo de 1927, e que será máis tarde incorporado ao volume Retrincos en 1934, con ilustracións de Maside. A última peza recollida é a disertación Humorismo, debuxo humorístico, caricatura, pronunciada por Castelao en marzo de 1920 no Círculo de Artesáns da Coruña, e que contén o xermolo dunha das súas narracións máis coñecidas: Un ollo de vidro: memorias dun esquelete, que será publicada en formato libro por Céltiga en 1922.
Esta colectánea vai precedida dun limiar introdutorio do secretario da Academia, Henrique Monteagudo, editor, no ano 2000, das Obras completas de Castelao, ademais de socio e vicepresidente, entre o ano 1996 e o 2000, da fundación que leva o nome do polígrafo rianxeiro.
Esta publicación pódese descargar aquí.
Así mesmo, nestoutra ligazón, pódese consultar a obra Presencia de Castelao na Academia, publicada polo presidente desta institución, Xesús Alonso Montero en 1999.