Pola esquerda, Xosé Manuel Salgado, Maribel Outeiriño, Luís González Tosar e Afonso Vázquez Monxardín na mesa redonda
O presidente da Real Academia Galega, que colabora nestes encontros, acompañou o presidente da Fundación Carlos Casares na inauguración do encontro. Tras as palabras de de Víctor F. Freixanes e Xavier Casares, Afonso Vázquez Monxardín moderou unha mesa redonda con achegas da xornalista Maribel Outeiriño, o escritor Luís González Tosar e o investigador Xosé Manuel Salgado. O tamén escritor ourensán Bieito Iglesias pechou o programa coa conferencia "Casares e o pensamento solar".
As Xornadas Carlos Casares continuarán mañá xoves en Vigo, na Casa Galega da Cultura a partir das 17 horas, cunha mirada centrada no labor do autor como editor. A xornalista María Xosé Porteiro moderará unha mesa redonda na que intervirán o director xeral de Xerais, Manuel Bragado, o responsable de produción da Editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo, e o escritor e tradutor Francisco Xavier Senín. A tarde rematará cunha conferencia do académico Xesús Alonso Montero sobre o pensamento político de Carlos Casares na súa mocidade baixo o título "A etapa marxistizante e guevarista de Carlos Casares (1965-1969)".