Carballo celebra a Alfredo Brañas no 160 aniversario do seu nacemento

Carballo celebrou o pasado venres o 160 aniversario do nacemento de Alfredo Brañas cunha xornada na que participaron o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o académico Xosé Ramón Barreiro, experto na figura do escritor e pai do rexionalismo galego, nado nesta localidade o 11 de xaneiro de 1859.

Fonte: Concello de Carballo


O programa, organizado polo Padroado Alfredo Brañas coa colaboración do Concello de Carballo e da Real Academia Galega, empezou cunha recepción dos convidados na casa municipal por parte do alcalde, Evencio Ferrero. Alí Víctor F. Freixanes asinou no libro do honra do concello e pronunciou unhas palabras de agradecemento polo convite á RAG a se sumar a esta celebración.

A xornada continuou cunha ofrenda floral xunto á casa natal e a escultura de Alfredo Brañas realizada por César Lombera. Aos seus pés, o rexedor, Víctor F. Freixanes e Xosé Ramón Barreiro depositaron unha coroa de loureiro e unha alumna e a directora do instituto que leva o nome do homenaxeado protagonizaron un breve recitado antes de concluír esta parada coa interpretación do Himno.

A xornada rematou cunha mesa redonda no Casino de Carballo. Presentada pola presidenta do Padroado Alfredo Brañas, Adriana Hurtado, contou coas achegas do historiador carballés Xan Fraga, o presidente da RAG, que se detivo na produción de Brañas no eido do xornalismo literario, e Xosé Ramón Barreiro, que profundou na relación entre o persoeiro homenaxeado e Manuel Murguía.


Xosé Ramón Barreiro, Evencio Ferrero, Víctor F. Freixanes, Adriana Hurtado e Xan Fraga na mesa que pechou a xornada. Fonte: Concello de Carballo