Berta Dávila gaña o Premio Narrativa Breve Repsol con 'Illa decepción'

A novela Illa decepción de Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é a gañadora do XIV edición do Premio Narrativa Breve Repsol. A Real Academia Galega, entidade participante no galardón, acolleu este mércores o acto en que se fixo público o ditame do xurado, que destacou a delicadeza estilística dunha novela de autorrepresentación na que a autora expón "cuestións de fondo calado respecto da familia, das relacións interpersoais, da maternidade e da pertenza a un lugar e unha comunidade". Berta Dávila xa gañara o premio de Repsol en 2013 con O derradeiro libro de Emma Olsen.
Berta Dávila. Fonte: Editorial Galaxia

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, participou na rolda de prensa en que se deu a coñecer a decisión do xurado xunto á directora da refinería de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro; o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro; o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e Anna R. Figueiredo, encargada de anunciar a resolución do xurado do que formou parte canda a académica correspondente Mercedes Queixas, Antón Lopo, Carlos González Lema e Armando Requeixo.

O xurado elixiu por unanimidade Illa decepción entre as 38 obras que concorreron ao premio, dotado con 12.000 euros e coa publicación da novela gañadora pola Editorial Galaxia. Este novo galardón faise público só días despois de que Berta Dávila fose recoñecida co Premio da Crítica 2019 en lingua galega na modalidade de narrativa por Carrusel. Alén de merecer o Premio Narrativa Breve Repsol de 2013, tamén gañou con O derradeiro libro de Emma Olsen o Premio Ánxel Casal ao Mellor Libro de Ficción e o recoñecemento de Autora do Ano da Asociación de Editores. Foi tamén gañadora do Premio Biblos de Novela con Bailarei sobre a túa tumba (2008) e do Premio da Crítica española, o Premio a AELG e o Premio Johan Carballeira polo poemario Raíz da fenda (2013).


Pola esquerda, Francisco Castro, Víctor F. Freixanes, Natalia Barreiro, Valentín García, Anna R. Figueiredo e Cesáreo Sánchez no acto en que se anunciou a resolución do xurado do XIV Premio Narrativa Breve Repsol