O acto terá lugar a partir das 11:15 horas no camposanto de Moruxo, onde Filomena Dato foi despedida en 1926 nunha cerimonia á que acudiron destacados membros da vida cultural e política daquel momento, entre eles o presidente da RAG e o alcalde da Coruña. A autora convertérase nos anos oitenta do século XIX nunha das voces principais que se fixo oír en defensa das mulleres desde o galeguismo, unha postura que mantivo como oradora e tamén na súa obra escrita. Exemplo dela é o poema "En defensa das mulleres", premiado en 1887 no certame literario convocado en Ourense e recollido catro anos despois en Follatos.
A homenaxe a Filomena Dato terá carácter interxeracional. Tras as intervencións do párroco Rubén Aramburu, a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo, Ana Hermida, da Asociación Lisístrata, a poeta e editora Dores Tembrás, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, alumnas e alumnos de 2º da ESO do CPI Cruz do Sar lerán poemas da escritora. A celebración rematará co descubrimento dunha escultura na honra de Filomena Dato asinada por Francisco Escuredo e a interpretación do Himno galego a cargo de José Otero López.