Tribuna

A luz e a voz de Begoña Caamaño

A celebración das Letras Galegas do ano que acaba de alborexar conmemorará a figura e a obra da escritora, xornalista e activista Begoña Caamaño. Nada en Vigo en 1964, revelouse como narradora tardiamente, aos seus corenta e cinco anos, cunha novela, Circe ou o pracer do azul (2009), que abraiou o público e a crítica pola súa coruscante orixinalidade, a súa cativadora escrita e a súa sobranceira calidade literaria. Ata entón, a autora era recoñecida pola súa intensa carreira profesional como xornalista, especialmente nos medios radiofónicos e singularmente na Radio Galega, onde desenvolveu o seu labor desde 1989. Cidadá comprometida, o seu perfil viñera definido pola militancia sindical e a implicación no movemento feminista. Involucrada en diversas mobilizacións sociais, salientaba pola súa denuncia da manipulación informativa nos medios públicos.

A publicación de Circe ou o pracer do azul constituíu unha magnífica sorpresa, que se viu dobrada cando pouco máis tarde veu a lume a súa segunda novela, Morgana en Esmelle (2012). Se na primeira recrea desde a perspectiva de dúas mulleres —a maga Circe e a esposa de Ulises, Penélope— unha lenda transmitida pola Odisea, na segunda outorga o protagonismo á fada Morgana, personaxe do imaxinario céltico cun papel relevante na saga artúrica. Engaiolándonos con relatos tecidos nunha prosa tersa, intensa e delicada, a autora apréndenos a remirar as dúas historias cunha ollada feminina.

Escritora tardía, mais —talvez por iso— extraordinariamente madura xa na súa obra prima, o seu pasamento prematuro en 2014 tronzou unha carreira literaria fulgurante. A Real Academia Galega, ao dedicarlle o Día das Letras Galegas, réndelle un tributo debido e oportuno, que contribuirá á merecida difusión popular da súa exemplar traxectoria como periodista defensora da información veraz —en tempos en que a comunicación social está intoxicada pola divulgación de loias que espallan o odio, a intolerancia e a confusión— e da súa soberbia achega á literatura galega, pondo o foco na fundamental achega feminina ao seu pulo. 

A voz e a luz de Begoña Caamaño tinxirán de azul o Día das Letras Galegas 2026.

Henrique Monteagudo
Presidente da Real Academia Galega