Asinado convenio de colaboración coa Fundación Barrié en materia de lexicografía

O acordo inclúe a renovación das ferramentas informáticas e o traslado do Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega ás dependencias da Fundación Barrié na Coruña.
Sinatura do convenio entre José María Arias e Méndez Ferrín
Sinatura do convenio entre José María Arias Mosquera e Xosé Luís Méndez Ferrín


O convenio asinado por José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié, e Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega, supón unha importante renovación tecnolóxica do Seminario de Lexicografía. Entre outros obxectivos, o acordo prevé a conversión da base de datos do Dicionario para posibilitar o seu acceso desde os máis recentes dispositivos tecnolóxicos e de comunicación, a implementación dun programa específico para a edición do Dicionario e a creación, ao longo deste ano, dun sitio na Rede que se ha chamar "Portal das palabras", co fin de divulgar e aumentar a interactividade do patrimonio lexicográfico da Academia entre a súa comunidade de usuarios.

Por outra banda, o acordo inclúe tamén o traslado do equipo de traballadores do Seminario de Lexicografía, desde as súas dependencias actuais en Santiago de Compostela, a un espazo reservado para o seu uso e completamente informatizado nas propias dependencias da Fundación Barrié.

O presidente da Fundación Barrié, José María Arias, despois de lembrar a longa historia de colaboración entre as dúas entidades, declarou que "con este convenio preténdese sentar as bases do desenvolvemento futuro do traballo lexicográfico da Academia". Pola súa parte, Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega, expresou gratitude á Fundación Barrié pola súa asistencia a unha institución "moi necesitada de apoios" como é a Academia, que poderá, deste xeito, ampliar a súa capacidade de traballo e servizo á sociedade galega.