As relacións transatlánticas de Murguía e Rosalía e a atención á literatura popular do intelectual pechan as xornadas do seu centenario

A derradeira xornada do centenario de Manuel Murguía (1833 – 1923) mirou cara a América desde a Fundación Rosalía de Castro. A profesora da Universitat de Barcelona María Xesús Lama detívose na relación do primeiro presidente da RAG e de Rosalía coa emigración transatlántica na mesa redonda sobre literatura e nación que se celebrou no último fogar da escritora. A profesora da Universidade de Vigo Ana Acuña analizou a pegada en Murguía da literatura popular tanto na obra literaria coma no eido da investigación e o filólogo Xurxo Martínez achegouse á súa contribución á fixación dunha literatura nacional.

1/22

O presidente da Fundación Rosalía abriu o encontro e moderou a mesa redonda. “Murguía é unha bandeira da Real Academia Galega pero tamén o é desta casa. Aquí viviu con Rosalía e coa súa familia, aquí escribiu moitas cousas e viu publicada unha obra fundamental, Los precursores, igual que Rosalía viu publicado En las orillas del Sar”, salientou Anxo Angueira, que cualificou a parella de "pais do país". A súa herdanza, engadiu, foi o horizonte que deixaron “de dignidade para a nosa lingua e a nosa cultura, de liberdade para o pobo galego”.

O presidente da Real Academia Galega agradeceu na clausura a colaboración da Casa de Rosalía e das demais institucións que fixeron posible unhas xornadas que “non consistiron en divinizar o personaxe de Murguía”. “As figuras  que teñen unha forza enorme e que son fundamentais para entender a nova idea de Galicia, a Galicia da modernidade que recupera a autoestima para construír un futuro dende ela mesma, esa Galicia que todos soñamos, están tamén habitados por luces e sombras, porque os seres humanos somos seres humanos”, expresou Víctor F. Freixanes.

A tarde rematou cunha actuación musical de Anna Mélikhova e Martín M. Chaves Fraga. A soprano e o pianista interpretaron, entre outras pezas, “Rosa de abril”, “Maio longo” e “Negra sombra”, con música de Andrés Gaos, José Baldomir e Juan Montes para os poemas homónimos de Rosalía de Castro. 

A relación de Murguía e Rosalía con América maniféstase desde o comezo da súa actividade pola presenza do tema da emigración na súa obra, pero durante a Restauración articúlase en colaboracións arredor de dous contactos fundamentais e dous proxectos xornalísticos de Murguía en vida de Rosalía, salienta María Xesús Lama, biógrafa da autora fundacional das letras galegas contemporáneas. Un deles foi a dirección da revista La Ilustración Gallega y Asturiana (1879 – 1881), o gran proxecto promovido por Alejandro Chao desde Cuba e editado en Madrid; e o outro, as colaboracións entre 1881 e 1883 con La Nación, publicación editada en Buenos Aires por Manuel Barros. “Ambas as colaboracións son paralelas á publicación de Follas novas na editorial La Propaganda Literaria que tiña Chao na Habana e á publicación dos últimos textos casteláns de Rosalía en La Nación que darían lugar a En las orillas del Sar”, indica a investigadora.

Todos estes nexos demostran o peso da relación de Murguía e Rosalía cos colectivos da emigración en América, tanto pola súa relevancia á hora de activar a demanda como receptores e lectores potenciais da obra de ambos coma pola súa capacidade económica para xerar proxectos culturais que promoveron oportunidades para a produción e a difusión dos seus escritos, analiza María Xesús Lama. Canto ao contido producido, a filóloga chama a atención sobre as escasas referencias á realidade americana nun período no que o Estado español estaba a asinar tratados de independencia con amplos territorios como Perú (1879), Colombia (1881) ou Paraguai e Uruguai (1882). “O interese concentrábase en levar noticias de Galicia a unha poboación que aínda miraba cara ás súas orixes”, explica.

Pero curiosamente a primeira relación con América que Murguía estableceu foi con Nova York, a través da oferta que recibiu para colaborar no xornal La Crónica do ferrolán Manuel Peña Cagiao (1822 – 1865), que emigrara a aquela cidade e onde traballaba como xornalista. “Peña conseguiu mercar o xornal e, xa como propietario, decidiu contratar algúns colaboradores que lle enviasen crónicas desde Europa”, conta. Murguía, contrario á liña ideolóxica deste medio, católico e monárquico, non fixo constar a súa sinaturas nos artigos, que escribía  a cambio de 500 reais ao mes nun momento en que padecía unha situación económica desesperada (1859). “A súa colaboración en El Miño apenas lle proporcionaba os ingresos que precisaba para soster a familia e ademais protagonizara desde as súas páxinas varias polémicas. A última precisamente arredor da emigración, porque unha denuncia das condicións dos emigrantes leva aos denunciantes a pedir que se prohiba, unha proposta que encontra rapidamente a solidariedade de toda a prensa de Galicia. El Miño puxo a nota discordante, especialmente por boca de Murguía, quen denuncia a falta de industria e as difíciles condicións no campo de Galicia como causa que provoca a emigración”, detalla.

A recolla da literatura popular a través do Boletín da RAG
Xurxo Martínez fíxase noutra publicación xornalística, La Oliva, periódico fundado en Vigo en 1856 e do que Murguía foi responsable da sección cultural. Nas súas páxinas expuxo sendo aínda ben novo a súa primeira interpretación da historia política e literaria de Galicia, en traballos que máis adiante incluiría como textos introdutorios do Diccionario de escritores gallegos (1862) e do primeiro volume da Historia de Galicia (1865). O filólogo repasou nas Xornadas Manuel Murguía as ideas centrais plasmadas en ambos os textos sobre a fixación dunha “literatura nacional” na cal a lingua, a temática e o estilo son elementos centrais; e contrastará tamén a posición reflectida en La Oliva coa de textos posteriores para observar as mudanzas e constantes operadas no discurso.

Ana Acuña levou á mesa redonda a relación de Murguía coa literatura popular, tanto como estudoso desta manifestación cultural coma a través da súa propia obra literaria, entre outras perspectivas. “Murguía consideraba a literatura popular unha manifestación do espírito popular, do seu xenio e, consciente da relación que ten coa antropoloxía, a etnografía e o saber do pobo, tamén a vincula coa historia e coa mitoloxía. De feito, aparece claramente abordada na súa Historia de Galicia (1865) cunhas explicacións sobre a lírica popular”, contextualiza.

A profesora da Universidade de Vigo salienta que cómpre aínda estudar a creación do autor de base tradicional e revisar o seu valor literario e, por outra banda, recoñece o interese que o intelectual demostrou pola preservación da literatura oral, da que promoveu a recolla. “O labor de Murguía, a pesar da posible manipulación dos textos populares ou da variedade de denominacións aplicadas por el, é importantísimo por prestarlles atención e por preocuparse de intercambiar os seus coñecementos e solicitar colaboracións para o Boletín da Real Academia Galega sobre o tema”, valora. O primeiro presidente da RAG cumpriu así o pedimento explicitado polos galego da Habana que formaban parte da Asociación Iniciadora e Protectora da RAG, segundo el mesmo manifestou por carta a Casto Sampedro.

A sesión deste xoves púxolle o ramo ás Xornadas Manuel Murguía, organizadas pola Real Academia Galega co apoio económico da Xunta de Galicia e a colaboración da propia Fundación Rosalía, a Universidade de Santiago de Compostela, o Concello da Coruña e a Fundación Luis Seoane. O primeiro encontro, sobre Murguía e as institucións, celebrouse o pasado 2 de febreiro e o segundo, dedicado á idea de Galicia no autor, tivo lugar o 9 de febreiro no paraninfo da USC.

As achegas dos participantes neste foro serán publicadas en forma de artigos no vindeiro Boletín. As súas intervencións poden ademais verse na sección de vídeos desta páxina web e na canle de Youtube da RAG.