As primeiras novidades editoriais sobre Florencio Delgado Gurriarán chegan ás librarías

O Ano de Florencio Delgado Gurriarán acaba de arrincar, pero as primeiras novidades editoriais sobre o protagonista do vindeiro Día das Letras Galegas 2022 xa chegaron ás librarías da man de Edicións Xerais e de Polo Correo do Vento. En canto á obra do homenaxeado, Galaxia editará proximamente os seus poemarios Bebedeira, Galicia infinda e O soño do guieiro. Este mesmo selo tamén reeditará a biografía de Ricardo Gurriarán sobre o autor publicada en 1999 por Ediciós do Castro, Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista, entre outros proxectos.

Unha das primeiras obras sobre Florencio Delgado Gurriarán en saír do prelo co gallo do Día das Letras Galegas 2022 é Florencio Delgado Gurriarán: vida e obra dun poeta no exilio mexicano, de Miro Villar. O volume divulgativo publicado por Xerais diríxese fundamentalmente ao alumnado de secundaria, aínda que serve tamén como aproximación ao autor para todo o público. No mesmo selo editorial, Héctor Cajaraville asina Florencio Delgado Gurriarán. Polos vieiros da saudade, unha biografía pensada para o público máis novo. 

O colectivo Polo Correo do Vento, como en edicións anteriores, diríxese tamén aos nenos e nenas cunha pequena biografía ilustrada, Florencio Delgado Gurriarán, de Valdeorras a México. Terra a nosa!, publicada por Lela Edicións. O público infantil é igualmente o destinatario de Florencio Delgado Gurriarán. Un legado infindo, de Lucía Gómez Álvarez, unha proposta apoiada en pictogramas incluída na colección Lectura Fácil de Galaxia.

Entre os anuncios editoriais para o primeiro trimestre do ano, Galaxia avanza ademais que publicará un volume sobre o homenaxeado coordinado polo académico Xesús Alonso Montero, un dos investigadores que máis ten traballado a prol da visibilización da obra de Florencio Delgado Gurriarán. O libro, ademais de ofrecer un achegamento á súa figura, incluirá unha escolma da súa obra.