As presenzas galegas de Camões póñenlle o ramo dende Vigo á celebración do seu quinto centenario

 Verdes são os campos, / de cor de limão: assim são os olhos / do meu coração, di un dos poemas máis célebres de Camões, o gran clásico da literatura universal en portugués. O país veciño púxolle oficialmente fin o pasado 10 de xuño, Día de Portugal, a dous anos de conmemoracións do quinto centenario do seu bardo, mais a festa na súa honra continua aínda en Galicia, de onde procedían os seus devanceiros e onde suscitou tamén paixóns nas nosas letras. Vigo será o vindeiro luns, 15 de xuño, o epicentro da celebración galega, unha xornada aberta ao público que arrincará coa inauguración dunha exposición que exhibirá, entre outros documentos, unha proba da galeguidade do tataravó do homenaxeado. O programa continuará pola tarde coa presentación dun libro sobre a súa relación con Galicia, relatorios que se deterán, entre outros temas, n’Os Lusíadas (1572), o poema épico de Camões que narra a viaxe marítima de Vasco da Gama á India; e un recital de poemas da súa autoría no que se cantará "Verdes são os campos” na versión musicada de Zeca Afonso. 

A Casa Galega da Cultura acollerá todas estas propostas nun día que rematará na praza de Portugal cunha ofrenda floral diante do busto de Camões (20 horas). A organización corre a cargo da Fundación Penzol, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e a Estrutura de Missão para as Comemorações do V Centenário do Nascimento de Luís de Camões, e conta coa colaboración do Concello de Vigo, o Consulado-Geral de Portugal em Vigo, a Editorial Galaxia e o  Camões - Centro Cultural Portugués em Vigo.

A exposición que lle dá nome ao programa, De aquí o xerme saíu. Presenzas galegas de Camões, será inaugurada ás 12:30 horas por representantes de todas as entidades organizadoras e colaboradoras e mais polo seu comisario, o subdirector da Penzol, Xosé Manuel Dasilva. A mostra inclúe unha parte bibliográfica, pertencente aos fondos da Penzol, que dá conta da recepción da obra e da figura do escritor en Galicia, e mais valiosa documentación entre a que figura o privilexio do século XIV en que Henrique III priva do seu señorío na vila de Baiona a Vasco Pérez de Camões, tataravó do poeta.

O catedrático da Universidade de Vigo abrirá ademais a sesión da tarde (16:30 horas) coa presentación de Camões en Galicia (Galaxia, 2026). Neste volume Dasilva reúne unha serie de estudos que afondan nas pegadas galegas do mestre e que revelan o alento camoniano de figuras senlleiras da cultura galega, dende o padre Sarmiento a Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Eduardo Pondal, autor d'Os Eoas, a “proposta de meirande ambición” das letras galegas —apunta— que tratou de conseguir os mesmos logros ca o portugués coa epopea Os Lusíadas.

O presidente da RAG intervirá a continuación cun relatorio sobre a visión da lingua galega e dos galegos no Portugal do século de Camões, certamente pouco positiva, como lamentara o padre Sarmiento en referencia ao verso d’Os Lusíadas que di “Ó sórdidos galegos, duro bando”. Da banda portuguesa falarán deseguido Micaela Ramon, profesora da Universidade do Minho, co relatorio “Um dia Camões nasceu e nunca mais morreu: mecanismos de preservação da memória literária no século XXI”; e mais José Carlos Seabra Pereira, profesor da Universidade de Coimbra, coa contribución titulada “Inquietação e conhecimento na poesia de Camões (materia perigosa?)”.

A partir das 18:30 h a Casa Galega da Cultura será escenario do recital poético-musical coordinado pola directora da Sección de Literatura da RAG, Marilar Aleixandre, no que lle porán voz a versos de Camões as académicas Chus Pato e Fina Casalderrey, o académico correspondente Ramón Nicolás, a xornalista Cláudia Morán, a escritora e investigadora Rexina Vega, Henrique Monteagudo e a propia Aleixandre. César Morán pechará este apartado coa interpretación de “Verdes são os campos”. 

Participación interinstitucional
O Consulado-Geral de Portugal em Vigo rematará á xornada coa ofrenda floral diante do busto de Camões (20 h) na praza de Portugal. Nela participarán todas as institucións implicadas, representadas na xornada polo presidente da Penzol, Manuel Puga Pereira; o presidente da RAG, Henrique Monteagudo; a vicepresidenta do CCG, Dolores Vilavedra; o cónsul xeral de Portugal en Vigo, João Bezerra da Silva; o comisario xeral adxunto da Estrutura de Missão para as Comemorações do V Centenário do Nascimento de Luís de Camões, Joaquim Coelho Ramos; e mais o Concello de Vigo.