As escolas poderán concorrer ao concurso Contádenos o voso Día das Letras ata o 5 de xullo

A Real Academia Galega mantén aberto ata o vindeiro 5 de xullo o prazo de participación no concurso Contádenos o voso Día das Letras 2022, dirixido a todos os centros escolares que impartan educación infantil e primaria e mais ao alumnado con necesidades especiais de apoio educativo. A convocatoria realízase a través da páxina web Primavera das Letras, o proxecto da RAG que fornece a comunidade educativa de recursos lúdicos e didácticos sobre a vida e obra da figura á que a institución lle dedica cada ano o Día das Letras Galegas, nesta ocasión o poeta e activista cultural valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán.

Cada centro pode concorrer cun ou varios proxectos sobre o autor, tanto aqueles que impliquen o conxunto da comunidade escolar coma con outros de aula, curso, etapa etc. Os colexios deben enviar as ligazóns que amosen ou resuman os seus traballos ao correo electrónico contacto@primaveradasletras.gal de acordo coas bases do concurso, dispoñibles na páxina web de Primavera das Letras, onde se divulgarán todas as contribucións. Todos os centros participantes recibirán un diploma, e os tres premiados un lote de libros.

A Real Academia Galega conta co apoio da Deputación da Coruña neste proxecto, nado no ano 2016. A que é xa a sétima edición de Primavera das Letras marcou o comezo dunha etapa que aposta polo talento das novas voces creadoras. A escritora Ledicia Costas asina a biografía infantil sobre Delgado Gurriarán que se pode descargar na web e a ilustradora Blanca Millán púxolle cor a estas páxinas. Á volta do verán, o espazo estreará outros contidos sobre lingua e cultura galegas alén da celebración do 17 de maio.