A entrada é libre ata completar a capacidade da sala. A sesión, organizada co apoio da Deputación da Coruña e do Concello de Padrón, poderá seguirse tamén en directo dende esta ligazón.
Anxo Angueira Viturro é profesor titular da área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Vigo e centra os seus estudos na xénese e nas características do Rexurdimento. Autor de traballos como Das copras de Sarmiento ós cantares de Rosalía de Castro. Cara a unha nova periodización do Rexurdimento (2013) ou Rexurdimento: a palabra e a idea (2019), conta cunha intensa e dilatada dedicación á obra de Rosalía de Castro, con achegas que permiten unha lectura anovada e respectuosa coa vontade da autora. Editou Cantares gallegos (2013), Follas novas (2016), En las orillas del Sar (2019) e La flor, A mi madre, poesía dispersa e traducións (2023), publicou diversos artigos e antoloxías sobre a autora fundacional das letras galegas contemporáneas, e preside, dende o ano 2012, a Fundación Rosalía de Castro, na que desenvolve un destacado labor de divulgación da figura e do legado literario da escritora.
Como investigador e ensaísta, cómpre destacar tamén, entre as achegas sobre distintos autores, os estudos e edicións da obra de Xosé Luís Méndez Ferrín: Con Pólvora e magnolias. Guía de lectura (1992); Poesía enteira de Heriberto Bens (1999); A espiral no espello. Bretaña, Esmeraldina e o sistema literario galego (2009).
Como creador literario, o académico electo debutou con Val de Ramirás (1989), accésit do Premio Esquío de Poesía, ao que lle seguiron os poemarios O valo de Manselle (1996), Libro da vertixe (1997) -gañador do Premio Díaz Castro-, Fóra do sagrado (2007) e Palmeiras, piueiros (2021). Como narrador é autor de Bágoas de facer illas (1997), Premio Café Dublín; Pensa nao (1999), novela gañadora do Premio Xerais na que brilla a lingua popular ao servizo dunha auténtica epopea do pobo galego; A morte de A (2003) e Iria (2012). Cultiva tamén o articulismo, na actualidade cunha colaboración mensual en Nós Diario.
O académico electo compaxina a súa faceta literaria e investigadora cun intenso activismo cultural dende diversas frontes. Membro fundador da asociación Redes Escarlata (2001) e coordinador dos premios de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón do Concello de Dodro e Rosalía de Castro do Concello de Padrón, sobresae o seu labor á fronte da fundación da autora, período no que se acometeu a reforma museolóxica da Casa da Matanza.