As árbores de Castelao
É sobradamente coñecida a defensa que fixo Castelao dun modelo económico exento de dominación que garantise que os dereitos dos cidadáns, sobre todo das clases populares formadas por mariñeiros e labregos, non se visen conculcados. Segundo o seu ideario, esta defensa dos intereses da maioría da cidadanía debía asentarse sobre o recoñecemento da personalidade nacional de Galicia, e na implementación dun autogoberno escollido polos galegos e as galegas. Unha das competencias destacadas do exercicio da soberanía sería a xestión dos recursos naturais de Galicia.
En moitas das pinturas de Castelao da década de 1910 os fondos mostran árbores estilizadas: son piñeiros, que contextualizan escenas de vida rural, emigración, diversidade social... Estas representacións non son meramente decorativas, pois a paisaxe serve de ambiente emocional para a “retranca” galega, un humor irónico, sutil e cargado de crítica social.
¡Hai que casarse! (1912)
Fonte: Castelao pintor (Galaxia, 2006). Real Academia Galega. Biblioteca
Nas acuarelas, óleos e tintas de Castelao as árbores poden reflectir estados de melancolía, soidade ou esperanza. Tamén encontramos eses sentimentos nas ilustracións de libros, como esta que forma parte do libro Vento Mareiro de Ramón Cabanillas.
Fonte: Vento Mareiro (1915). Real Academia Galega. Biblioteca
Segundo Castelao, Galicia é inseparable da súa paisaxe natural. Na súa arte as árbores non son só parte do decorado, senón expresión da identidade do país; ata poden ser protagonistas por si mesmas da obra, como é o caso desta paisaxe de montaña —tema non moi habitual no seu repertorio— onde unha parella de bidueiros centran a atención do espectador coa súa característica e inconfundible cortiza branca.
Terra de montaña [ca. 1922-1929]
Fonte: Castelao pintor (Galaxia, 2006). Real Academia Galega. Biblioteca
Como xa dixemos, a árbore non é un mero elemento de paisaxe: ela reforza a mirada crítica da escena, actuando como un “teito moral” sobre a situación, avalando o peso cultural e simbólico baixo o que se toman certas decisións que afectan a comunidade.
Castiñeiro do val [ca. 1922-1929]
Fonte: Castelao pintor (Galaxia, 2006). Real Academia Galega. Biblioteca
O piñeiro foi unha das árbores máis representadas por Castelao. Adoita mostralos de xeito individual ou en pequenos grupos, achegando un aire melancólico ás súas paisaxes, sobre todo nas mariñas.
Nas dúas obras que amosamos aquí o piñeiro acada outra dimensión. Na primeira —titulada Piñeiral— represéntase un bosque mesto, sen espazos abertos, creando un lugar sombrizo e húmido que encaixa cos clixés sobre a paisaxe galega que Castelao reivindicaba na súa conferencia “Arte e galeguismo”:
comple que veñan os pintores n’o inverno, cando as pedras d’as casas reven auga, cando están despidos os albres; comple que veñan cando renasce o verde d’os campos e os piñeiros d’os montes semellando candieiros xigantes teñen n’as ponlas millares de velas
Na segunda obra —O viático— plasma plasticamente estas últimas palabras, dándolle un sentido relixioso: converte a árbore nun elemento sagrado que alumea o paso das almas errantes de camiño ao Alén.
Esquerda: Piñeiral [ca. 1922-1929]. Dereita: O viático [ca. 1922-1929]
Fonte: Castelao pintor (Galaxia, 2006). Real Academia Galega. Biblioteca
O souto dos gatos é un cadro pintado no exilio de Buenos Aires. Esta é unha das últimas obras de Castelao, que pouco despois abandonaría a pintura debido aos seus problemas de visión. As árbores —neste caso os castiñeiros— son as protagonistas dunha obra de significado enigmático. Probablemente o seu dramatismo estivese vencellado ás barbaridades perpetradas polos golpistas en Galicia durante a guerra civil e a posguerra. Castelao agasallou con esta pintura a Ramón Otero Pedrayo na visita que este fixo á cidade porteña en 1947.
O souto dos gatos, 1943.
Fonte: Castelao pintor (Galaxia, 2006). Real Academia Galega. Biblioteca
Castelao vía nas árbores un símbolo da identidade galega. O carballo representa a forza, a resistencia e a continuidade do pobo galego fronte ás adversidades históricas.
Carballo do quinteiro [ca. 1922-1929].
Fonte: Castelao pintor (Galaxia, 2006). Real Academia Galega. Biblioteca
As árbores ocuparon tamén un lugar principal nalgunhas ilustracións que realizou para as cubertas de libros doutros autores. Por medio de liñas e de volumes, as súas representacións conectan coa terra, coa tradición e coa cultura de Galicia. Nestas dúas ilustracións vemos como os piñeiros organizan a paisaxe natural e a humana.
Esquerda: Vento Mareiro de Ramón Cabanillas (1915). Dereita: Oraciós campesiñas, de Eladio Rodríguez (1927)
Fonte: Real Academia Galega. Biblioteca
Ao longo da súa traxectoria artística ás veces empregou os seus deseños en diversos formatos. Neste caso, o vello castiñeiro da obra O cachopo ilustrou en 1922 a cuberta do libro Cadencias, poemario de Herminia Fariña.
Esquerda: O cachopo [ca. 1922]. Dereita: Cadencias, de Herminia Fariña (1922)
Fonte: Castelao pintor (Galaxia, 2006); Cadencias (1922). Real Academia Galega. Biblioteca
O castiñeiro, ou castiro, é xunto co piñeiro a árbore máis representada por Castelao. É lóxico, xa que daquela ocupaban gran parte da superficie de Galicia.
Do castiñeiro obtíñase madeira para a construción de vivendas e mobles. Para isto era común demoucar as árbores dos soutos evitando a súa morte, nun exemplo de explotación sostible. Mais, sobre todo, os castiñeiros foron insubstituíbles polo seu froito, que lle deu sustento tanto a humanos coma a animais domésticos ao longo de incontables xeracións.
Castiñeiro (El Pueblo Gallego, n.º 1010, 1/V/1927)
Fonte: Cousas, terceiro libro (Castrelos, 1975). Real Academia Galega. Biblioteca
O emigrante retrata o drama dos que tiveron que marchar da súa terra coa esperanza dun futuro mellor. A paisaxe pintada polo rianxeiro acompaña a mágoa reflectida na cara do emigrante por medio do emprego dunha gama cromática amortuxada e pola presenza dunha grande árbore espida de follas, que se mostran espalladas polo chan: o outono xa pasou e con el, o tempo das castañas. É doado identificar Galicia con ese castiñeiro, que, pese ao seu gran tamaño, non é quen de alimentar o pobo.
O emigrante (1916)
Fonte: Castelao pintor (Galaxia, 2006). Real Academia Galega. Biblioteca
Con todo, a idea que tiña Castelao da natureza ía moito máis aló da concepción da mesma coma unha simple fonte de recursos; para el Galicia era a suma indisoluble do entorno natural, da paisaxe e das xentes que viven nela. Unha relación que, segundo o autor, debería ter un carácter simbiótico caracterizado polo respecto e protección dunha natureza moitas veces esquecida. Castelao sentía un amor pola natureza cheo de misticismo e, como consecuencia, matiña unha formulación simbolista da paisaxe. Isto quedou plasmado nas súas preferencias estéticas por unha natureza virxe, allea á man do home, algo que deixou por escrito no prólogo de Cousas, baixo o significativo título “A carón da natureza”:
Un día de Nadal, ollando unha paisaxe que imitaba un Nacimento, decateime de que hai máis fermosura nas froliñas dos campos que nas froles de xardín. As froliñas ventureiras que nacen nos campos parecen creadas pol-o Bosco ou por Brueghel o vello, namentras que as froles foulentas de xardín semellan os encoiros manteigosos de Rubens. Dend’entón eu quixen ser un ventureiro das letras.
A natureza na obra de Castelao defínese en gran medida pola vexetación. A presenza das árbores nos seus debuxos e pinturas é moi común, mais non só atopamos árbores na súa plástica: tamén teñen un lugar no seu pensamento político. Respecto disto hai unha pasaxe reveladora no Sempre en Galiza.
O albre
O albre é o símbolo do señorío espritual de Galiza.
O albre é un engado dos ollos, pol-a súa fremosura; é unha ledicia dos ouvidos, porque n-él cantan os paxaros; é un arrolador do esprito, porque nas súas ponlas conta contos o vento.
O albre danos a froita, que é un manxar composto pol-o mesmo Creador, para regalía do noso paladar: o derradeiro ben que nos quedou do Paradiso perdido.
O albre pídelle auga ao ceo para que a terra teña sangue, vida e bonitura.
O albre danos a sombra fresca no vrán e a quentura garimosa no inverno.
O albre danos as traves, o sobrado e as portas da casa. Danos a cama, o almario das sabáns e a artesa do pan. Danos o berce, o báculo da vellez e a caixa para baixar â terra.
O albre danos o papel barato que nos trai a descotío as novas do que pasa no mundo.
Val máis unha Terra con albres nos montes que un Estado con ouro nos Bancos.
A calvicie dos montes galegos é unha terrible acusación contra o Estado unitario.
Os albres son as minas galegas que nós saberemos esplotar cando a nosa Terra sexa nosa.
A repovoación forestal será o patrimonio da nación galega e o mellor aforro da coleitividade.
Na nosa Terra danse os mellores albres.
O dia que seipamos o que val un albre, aquel dia non teremos necesidade de emigrar.
O texto, mediante unha anáfora, presenta unha serie de reflexións de carácter social e político que poderían encaixar perfectamente no movemento ecoloxista que se desenvolvería décadas despois en latitudes afastadas de Galicia, e establece unha serie de relacións entre o ser humano e o medio. Fala da árbore como “símbolo do señorío espritual de Galiza”, metáfora que probablemente faga referencia ao himno galego, Os pinos, de Eduardo Pondal.
A árbore tamén ocupa un espazo importante na súa plástica, pois é un dos motivos paisaxísticos principais. Como elementos secundarios encontrámolas en innumerables pinturas e debuxos acompañando figuras humanas ou arquitecturas. Porén, en non poucas ocasións as árbores son as únicas protagonistas da obra de arte, aparecendo senlleiras ou en grupo, sempre coa especie caracterizada. Nas obras do artista rianxeiro son doados de identificar piñeiros, carballos, castiñeiros, bidueiros... Esta fidelidade representativa é un xeito de reivindicar a autenticidade da paisaxe e con ela preténdese que o espectador, afeito a convivir con esa flora, identifique doadamente as árbores e entenda a peza como un retrato da alma galega.
O amor que sente Castelao pola natureza debe relacionarse tamén coa idea de fuxida do mundo urbano. El renegou moitas veces da cidade, pese a pasar longos períodos en grandes urbes como Buenos Aires ou Nova York, e visitar outras megalópoles como París ou Moscova. Así mesmo, entende a urbe como un espazo de alienación das persoas con costumes moralmente pouco aceptables. No caso galego identifica a cidade como un foco de pensamento centralista que, en nome do progreso, aspira a neutralizar a identidade dun pobo galego que el entendía como esencialmente rural. Fai crítica da mistificación do progreso asociado á urbe, adoptando elementos coincidentes cunha perspectiva ecoloxista, como xa dixemos anteriormente, mais tamén cunha corrente de pensamento propia do século XXI como é o decrecentismo.