A tipografía de Castelao

A tipografía creada por Castelao é unha das súas grandes achegas ao noso patrimonio gráfico. Ela veu renovar o deseño galego, estivo presente ao longo de varias décadas na obra do rianxeiro e ademais constitúe en si mesma un emblema de galeguidade.
Os seus deseños tipográficos están claramente inspirados nas formas medievais, partindo dun tipo de letra mal chamada visigótica, xa que as súas mostras máis antigas apareceron séculos despois da extinción do reino visigodo. Un nome máis axeitado, tendo en conta a cronoloxía e o espazo onde se encontra, sería o de altomedieval galaica, tal e como apunta Anselmo López Carreira en Arte e escritura na Galicia Medieval.
Na imaxe podemos ver a primeira mostra desta tipografía: trátase da cabeceira da revista A Nosa Terra, voceiro das Irmandades da Fala, que foi reformulada por Castelao en 1917.

Castelao ideou un tipo de letra inspirado nas epígrafes que estaban presentes en moitas igrexas galegas. Así e todo, a influencia máis evidente da súa tipografía é a que achamos nos linteis do Pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela, un edificio polo que el sentía grande admiración. En Sempre en Galiza, para gabar a importancia do idioma galego afirma que este é mil veces superior á obra do Mestre Mateo, que el sitúa como cimeira da arte do país. Se a lingua é a matriz inesgotable da arte, as letras son os ósos que constrúen o seu esqueleto.
A imaxe mostra unha reprodución das epígrafes do linteis do Pórtico da Gloria feita polo xoieiro e gravador E. Mayer para o libro El Pórtico de la Gloria: estudio sobre este célebre monumento de la basilica compostelana (1893), de Antonio López Ferreiro, unha obra que Castelao tiña na súa biblioteca particular.

O Castelao máis novo xa mostraba a súa preocupación polo deseño tipográfico en datas tan temperás como 1909. Nas letras do texto que acompañaba a caricatura de Valle-Inclán para a revista Galicia Moza xa procuraba un estilo propio, con influencias medievais matizadas polo modernismo e o simbolismo imperantes. Estas poucas liñas foron un prototipo do que logo sería a fonte máis empregada polo artista de Rianxo.

O deseño tipográfico do que estamos a falar cómpre entendelo formando un conxunto coherente con outros aspectos da vida e da obra do intelectual rianxeiro, ao compartir con eles as mesmas intencións políticas e de reivindicación da identidade galega que están presentes nas súas creacións artísticas e literarias, no seu pensamento e na súa acción política.
Na imaxe podemos observar este tipo de letra sendo empregado na cuberta da súa conferencia Arte e Galeguismo, o texto orixinal da cal se conserva no Arquivo da Real Academia Galega.

Unha das primeiras mostras desta tipografía encontrámola na novela O Diputado por Veiramar de Gonzalo López Abente. Esta obra obtivo o primeiro premio do Certame de Narrativa convocado por A Nosa Terra e foi publicada como primeiro volume da Bibrioteca Galeguista das Irmandades da Fala, unha colección que pretendía dar pulo a propostas renovadoras coa finalidade de promocionar a prosa en galego en particular e a cultura galega en xeral.

Se n’O Diputado por Veiramar a tipografía era unha ferramenta ao servizo da plástica, do debuxo que enchía a cuberta do libro, co transcorrer do tempo o seu protagonismo fíxose absoluto. Xa non era preciso o apoio dun debuxo ou dunha escena, pois as letras por si mesmas bastaban para construír a cuberta dun libro. Esta evolución no deseño das cubertas móstranos o gusto de Castelao polo minimalismo, unha tendencia vangardista inxustamente pouco recoñecida ao artista rianxeiro. Acontece isto en varias das súas obras e tamén en deseños feitos por encarga para outros autores, por exemplo nos libros Na noite estrelecida de Cabanillas e Os nenos de Filgueira Valverde.

A pesar de que nun primeiro momento non contou con apoios na industria editorial, esta reinterpretación de formas epigráficas medievais logrou instalarse no imaxinario colectivo galego e serviu de inspiración a outros artistas e deseñadores. Así aconteceu no caso de Camilo Díaz Baliño e, sobre todo, no de Isaac Díaz Pardo a través do seu programa tipográfico do Laboratorio de Formas de Galicia.
Na fotografía podemos ver a fonte chamada Galicia Diario 1922, de Alberto Varela Ferreiro, que está baseada na tipografía creada por Castelao para a cabeceira do histórico xornal Galicia que se publicou en Vigo desde xullo do 1922 a setembro de 1926.