Andrés Fernández-Albalat ingresou na RAG no ano 1999 e entre 2001 e 2009 foi membro da comisión executiva presidida polo historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández. “Participou sempre activamente nos traballos da Academia, foi unha honra que hoxe quixemos compartir coa sociedade galega”, explica Víctor F. Freixanes. Na homenaxe, titulada Andrés Fernández-Albalat. Arquitecto da memoria e celebrada na sede coruñesa do COAG, o presidente da RAG compartiu mesa con Charo e Andrés Fernández-Albalat Ruíz, fillos do académico e xefa do Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia e profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, respectivamente; o aparellador Roberto Medín Guyatt, excolaborador de Albalat; Cristóbal Crespo González, director do Departamento de Proxectos Arquitectónicos e Urbanismo (DPAUC) da UDC, do que o homenaxeado formou parte; e César Portela Jardón e Myriam Goluboff Scheps, exdocentes do mesmo departamento.
Calidade humana e profesional
Os intervenientes afondaron no perfil profesional de Fernández-Albalat mais tamén na súa calidade humana. “Non teño adxectivos abondos para falar del. Andrés era un home extraordinariamente educado, respectuoso, afable, afectuoso, ameno, xeneroso, intelixente, dotado dun agudo sentido do humor...”, enumera César Portela. Os dous colegas coñecéronse hai cinco décadas e colaboraron na posta en marcha do COAG, conscientes da necesidade da súa creación como entidade independente. “El foi o derradeiro decano do colexio que cubría Galicia, Asturias e León, e o primeiro do galego, onde desenvolveu un labor extraordinario, con moita actividade e repercusión”, valora. No plano persoal e creativo, Portela compárao co barroco galego. “Se, por deformación profesional, tivese que asimilalo con algún estilo arquitectónico, faríao sen dúbida co mellor barroco galego, porque Andrés establece relacións insospeitadas. A súa arquitectura recórdame sempre ao barroco da torre do reloxo da catedral de Santiago ou á fachada co convento de Santa Clara, á capela da Virxe dos Ollos Grandes de Lugo, á música de Bach, aos textos de Alejo Carpentier ou ás películas de Visconti”, di. “É un grande arquitecto. Moi sutil, complexo, virtuoso”, conclúe.
Entre outros proxectos, Albalat asinou o concesionario de Seat (1963-1965) na avenida de Alfonso Molina da Coruña, as vivendas subvencionadas de mariñeiros na parroquia de Fontán en Sada (1967), a fábrica de Sargadelos en Cervo (1968), as facultades de Matemáticas e Bioloxía de Santiago de Compostela, a piscina cuberta de Santa Isabel (1982) e o estadio de San Lázaro da mesma cidade (1993), o conservatorio de música da Coruña (1985) ou a rehabilitación do castelo de Monterrei (1996). Levan tamén o seu nome A Hípica da Coruña, as casas acristaladas da avenida da Mariña da Coruña, a remodelación e restauración do santuario de Pastoriza, a casa de exercicios de Lugo, o Edificio bancario de Pontevedra, a central hotofrutícola de Galicia ou a rehabilitación integral da casa de Emilia Pardo Bazán como sede da RAG e casa-museo da escritora.
Da planta de Coca-Cola á rehabilitación da casa de Rosalía
O seu fillo Andrés sinala a planta de Coca-Cola (1959-1962) na Coruña como unha das súas achegas máis destacadas, asinada canda Antonio Tenreiro Brochón. “No seu momento foi unha novidade importante, co vidro deixando ver todas as tripas do proceso de produción dende a entrada da cidade. Agora recoñécese pouco do que había, pero segue véndose o corpo principal e mais o das oficinas da dereita”, indica. E lembra tamén a importancia que tivo para o seu pai a rehabilitación integral da Casa da Matanza (Padrón), fogar de Rosalía de Castro e sede da súa fundación, pola súa dimensión simbólica para o país. “Foi un proxecto que lle fixo moita ilusión, que fixo con todo o amor do mundo. Baleirouse todo o edificio e fíxose algo moi mimético co que había antes, respectando todo”, di.
O urbanista da Cidade das Rías
O académico sobresaíu ademais como urbanista. Realizou os plans parciais e xerais de San Pedro de Mezonzo e unha proposta vangardista para a creación dunha grande área urbana entre A Coruña e Ferrol. O proxecto, que chamou A Cidade das Rías, baseábase na integración da arquitectura e a vida na paisaxe. Non chegou a desenvolverse, pero medio século despois segue a ser tido en conta na concepción da área metropolitana entre ambas as cidades. “Foi unha mágoa que non fose adiante. Traballaron xunto a el economistas e sociólogos, e viñeron arquitectos de Madrid para formar parte do equipo. Algún acabou quedando en Galicia”, comparte Andrés Fernández-Albalat Ruíz.
O presidente da RAG refírese igualmente a relevancia do proxecto da Cidade das Rías como un claro exemplo de que Albalat foi ante todo un arquitecto “ao servizo da sociedade, dos seres humanos que habitan os espazos”. “A ambición desta iniciativa é só comparable ao que Antonio Palacios imaxinou para a cidade de Vigo”, relaciona.
A homenaxe desta tarde, organizada pola RAG e a Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, conta coa colaboración do DPAUC e a asociación cultural Flor de Santiago.