O escritor Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) é autor dunha extensa obra dirixida en boa parte ao público máis novo. Traducidos a máis de vinte linguas, o seus libros teñen merecido numerosos galardóns, como o da Lista de Honra do IBBY, o da Crítica Galicia, o Losada Diéguez ou o Merlín.
Ao acto asistiron, ademais do presidente da Academia, Méndez Ferrín; os membros de número Rosario Álvarez Blanco e Francisco Fernández Rei; a académica electa, Fina Casalderrey; e os membros correspondentes Gonzalo Navaza e Xosé Enrique Costas, sendo encargado, este último, de facer a presentación do galardoado.
Cun discurso de grande potencia literaria en forma memorialística e evocadora da súa infancia, Fernández Paz fixo unha denuncia das políticas contrarias á conservación e difusión do galego do actual goberno da Xunta. Na súa intervención, Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, reclamou un maior investimento en materia de investigación, ciencia e educación universitaria.
Na mesma sesión, tamén foi investido Doutor Honoris Causa o catedrático en Física e Química da Universidade de Salamanca, Julio Casado Linarejos, quen, cun discurso expresado en parte en galego, reivindicou a unidade das ciencias humanas e naturais, así como a necesidade de equiparar a importancia da investigación e a docencia na Universidade.