A xénese e o horizonte 'Circe' e 'Morgana' na voz de Begoña Caamaño

A edición conmemorativa do Día das Letras Galegas 2026 da Real Academia Galega reúne dous textos da súa protagonista nos que explica a xénese e o horizonte das súas dúas novelas. A publicación, xa dispoñible en versión dixital, empeza cun escrito sobre Circe ou o pracer do azul (2009), un traballo que Begoña Caamaño preparara para a súa intervención nos VII Diálogos Literarios de Mariñán en 2010, e que permanecera. O segundo texto concibiuno para a presentación de Morgana en Esmelle (2012) en Santiago de Compostela, e foi recollido no seu momento na revista Festa da palabra silenciada

O público que asista ao pleno extraordinario da RAG do 17 de maio será agasallado con Begoña Caamaño presenta Circe ou o pracero do azul e Morgana en Esmelle, que prologa Ana Romaní e se editou co apoio da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. En ambos os textos recompilados “translocen as lecturas que sedimentan unha e outra obra, o respecto, a esixencia, a ironía e a honestidade na revisión do seu propio proceso literario. A literatura, coma colchas tecidas con retallos, é unha voz coral na que se recoñece”, indica a académica.

Na primeira achega que presenta a edición conmemorativa, Begoña Caamaño expón os motivos polos que decidiu converter a Circe e a Penélope nas protagonistas do seu debut literario. O primeiro remóntase aos tempos da infancia, cando leu por primeira vez os clásicos. “Na Odisea non atopaba eu a moza que me permitise seguir satisfactoriamente a Ulises nas súas aventuras, Penélope aparecía para min como un ser pasivo e desdebuxado”, rememora. “Así que, malia o moito que gustaba, e gusto, da mitoloxía e das obras clásicas, quedou en min unha certa insatisfacción arredor da Odisea”, engade. 

O segundo motivo  veu da man do seu espertar feminista, que a levou a “sentir a necesidade de deconstruír modelos e arquetipos”. Antes de expoñer como emprendeu esta tarefa, a autora repasa algunhas das numerosas revisións e revisitacións de Circe e de Penélope ao longo da historia da literatura universal. A meirande parte dos autores masculinos que volveron sobre o ideal feminino proxectado por Homero na esposa de Ulises —advirte— móvense “entre a santa e a puta”.  Entre outras, Begoña Caamaño refírese ás Penélopes de Teócrito ou Catulo, aínda no mundo clásico; ou á de James Joyce e á “pensativa Penélope” de Cunqueiro; ata chegar ás “infinitas subversivas Penélopes que foron aparecendo nas, agora si, nada homéricas deconstrucións feitas por mulleres”.

Oriana Fallaci ou Margaret Atwood son algunhas das autoras que sinala entre estas últimas, antes de confesar as súas verdadeiras fontes de inspiración, que comezan na autora fundacional das letras galegas contemporáneas. Caamaño identifica primeiro a Penélope labrega que ten o home emigrado e tece soia a súa tea en Follas Novas, e deseguido destaca “esoutra, xa claramente feminista” que, de novo Rosalía de Castro, presenta no poemario En las orillas de Sar: “unha Penélope que non agarda por Ulises e tece e destece non unha espera, senón a súa propia vida”. “Ela foi a orixe da miña Penélope. Para chegar, á fin, á máis arelada, aquela que todas queremos e na que todas nos soñamos: a de Xohana Torres. Nesa Penélope forte, aventureira, dona de seu, que tamén navega, que terma sen vacilación do leme da súa historia e transita os seus propios mares. Nesa Penélope afouta, nesa muller enteira, remata a miña novela. Ela foi non o meu comezo, senón o meu horizonte”.

Xa no texto sobre Morgana en Esmelle, preparado para a presentación desta novela na Feira do Libro de Santiago de Compostela, Begoña Caamaño refírese ademais á inspiración que atopa nas que denomina as “heroínas do cotián”. “Están nas rúas, nas facultades, nas tabernas, nos mercados, nas fábricas, nos teatros... Ás veces, insubmisas, toman as prazas en manifestacións multicolores; noutras ocasións permanecen prisioneiras nas súas casas e pagan moi caro, mesmo coas súas vidas, o prezo da rebelión”, sostén.

A escritora explica como nesta novela, partindo das lendas do ciclo artúrico, tratou de “abrir unha reflexión plural canto á ética que debe conducir cada proposta e o xeito de defendela”. “Asústame o abuso de poder. Pero máis, moito máis, infinitamente máis, me asusta o poder de abusar”, alerta Begoña Caamaño nun texto cun final que é toda unha declaración do seu compromiso cun mundo mellor e do seu carácter. “É o momento non de cambiar as regras, senón o xogo. É o momento de mudar o mundo; de cambios profundos e estruturais, pero tamén conceptuais, é o tempo do feminismo, é dicir, da xustiza, da igualdade, da liberdade, da dignidade e tamén, por que non? Da felicidade”, conclúe.