Biblioteca

A tecnoloxía ao servizo da cultura
A dixitalización de fondos na biblioteca da RAG

A Real Academia Galega considera actualmente a dixitalización de fondos como unha das súas principais liñas de actuación, por diversos motivos:

  • En primeiro lugar, polo desexo da institución de expandir o seu valioso patrimonio co obxectivo de que chegue a case todos os recunchos do planeta, nun contexto de máxima apertura á sociedade e cada vez máis globalizado.
  • En segundo lugar, para evitar aos usuarios desprazamentos innecesarios, motivo máis que suficiente para xustificar unha dixitalización masiva.
  • En terceiro lugar, para evitar a deterioración constante do fondo derivada das consultas presenciais, tendo en conta que unha parte significativa da colección é, dende o punto de vista do soporte material, bastante fráxil.

Á hora de levar a cabo os seus proxectos de dixitalización, a Biblioteca da RAG dá prioridade maioritariamente aos fondos publicados no século XIX, así como ás publicacións que cumpran un ou varios dos seguintes requisitos: estar escritas en galego, editadas en Galicia ou cuxo contido estea relacionado coa temática galega.

No 2009 levouse a cabo o primeiro gran proxecto de dixitalización de monografías, grazas a un convenio de colaboración asinado o ano anterior entre a Cidade da Cultura de Galicia e a Real Academia Galega para a conservación e difusión do fondo bibliográfico e documental da nosa entidade. O dito proceso permitiu poñer á disposición do público máis de 800 obras, pertencentes na súa maioría ao fondo galego do século XIX, accesibles na actualidade mediante a páxina web da RAG, así como mediante o portal GALICIANA-Biblioteca Dixital de Galicia. Este portal conta, ademais, cun Micrositio que recolle as obras dixitalizadas pertencentes á nosa entidade, dando maior visibilidade a este fondo.

É un espazo que facilita o acceso a primeiras edicións das obras clásicas da nosa literatura, como Cantares gallegos de Rosalía de Castro, Aires d’a miña terra de Manuel Curros Enríquez ou A fada dos montes de Eduardo Pondal, así como ás obras de Emilia Pardo Bazán ou Concepción Arenal, entre outros moitos autores.

O número de libros dixitalizados accesibles en liña verase incrementado de xeito continuo con futuros proxectos. Proximamente, está prevista a incorporación doutras 500 monografías pertencentes ao fondo galego do século XIX e principios do XX editadas en Galicia e América, entre elas estatutos, regulamentos ou memorias dos distintos Centros Galegos, que achegan unha importantísima información sobre estas entidades e o seu papel en favor da nosa cultura, ademais dun conxunto de publicacións do século XX editadas pola RAG, que xogan un papel fundamental na investigación e difusión da cultura do noso país.

Este conxunto de monografías dixitalizadas súmase ás máis de 150 publicacións periódicas históricas en liña que ofrece na actualidade a Hemeroteca da RAG, consultables igualmente tanto na páxina web institucional como no portal GALICIANA.